Proposta de fronte común para loitar contra a ofensiva antidemocrática dun PP desesperado
O BNG considera que o PP iniciou unha ofensiva desaforada contra a democracia que se plasma no anunciado recorte do Parlamento galego e na reforma electoral coas que, baixo o cínico rótulo da rexeneración, pretende perpetuarse no poder para gañar con trampas o que ten perdido na rúa.
En palabras do portavoz nacional, Xavier Vence, estamos asistindo a unha escalada autoritaria da dereita desesperada que pretende aproveitar a súa maioría absoluta para seguir no poder aínda que perda a maioría na sociedade. Ante esta situación, o BNG decidiu convocar en reunión aberta a todas as forzas políticas, sindicais e colectivos sociais en defensa da democracia, da pluralidade e da participación política co obxectivo de facer unha fronte común e frear a ofensiva antidemocrática do PP.
Creemos que as demais forzas políticas debemos traballar conxuntamente para trasladar á sociedade propostas que reforcen a participación da cidadanía, que loiten contra a desafección, contra a idea do inmobilismo e da falta de solucións e propostas que permitan a pluralidade política, explicou Vence. En definitiva, subliñou, establecer entre todos unha axenda de traballo e de mobilizacións para enfrontar esta estratexia antidemocrática do PP.
11 de setembro
A convocatoria, -realizada por carta a todas as forzas políticas con representación parlamentaria e ás centrais sindicais maioritarias-, está aberta á participación de calquera partido, sindicato, movemento social e a quen queira asistir a título individual coa data inicial do vindeiro 11 de setembro na Nave de Vidán en Santiago de Compostela.
Queremos máis democracia e máis pluralismo, como demanda a sociedade, non menos, reiterou Vence, quen fixo fincapé na desvergoña do PP cando repite a letanía de que non pode gobernar quen non gane. En realidade, denuncia, o que busca o PP coa reforma electoral é gobernar sen ganar a maioría do apoio social e subliña que na súa hipocrisía mesmo nega as regras aritmética básicas ao querer converter o 40% no 50% reiventando o concepto da maioría absoluta que saben perdida nas urnas.
De demonizar o pluralismo político a demonizar a democracia só hai un paso, advertiu o dirixente nacionalista, quen fixo fincapé en que a concentración de poder que promove o PP, -neste caso na figura do alcalde en detrimento da corporación-, favorece as situacións de corrupción.
Sen solucións
O portavoz nacional salientou que os galegos e galegas seguen a ter os mesmo problemas, -desemprego, 100.000 fogares sen ingresos, recortes en servizos básicos como educación e sanidade que deterioran a calidade de vida, familias que non chegan a fin de mes, índices de pobreza como non se lembraban neste país-. Lonxe de aportar solucións, o PP crea novos problemas con reformas antidemocráticas.
A propaganda non recupera a economía nin o emprego, só recupera as rendas das empresas do IBEX, das grandes concesionarias de servizos pulbicos, das eléctricas ou da banca rescatada que agora nos pasa polos fociños os seus elevadísimos beneficios, mentres o PP continúa coas políticas que prolongan o sufrimento e afunden ás familias, indicou.