O PP négase a parar os desafiuzamentos e a dación en pago na execución hipotecaria
O portavoz de vivenda nacionalista, Cosme Pombo pediu a paralización dos desafiuzamentos en trámite e a aplicación da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea
Cosme Pombo lamentou hoxe o voto desfavorable do Partido popular na Moción do BNG debatida no Parlamento galego que reclamaba: A dación en pago na execución hipotecaria, a paralización dos desafiuzamentos en trámite, acatar a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, adoptar medidas para manter as condicións pactadas en materia de vivenda protexida, estender a duración do contrato do programa Aluga e reclamar do Goberno do Estado a transferencia das vivendas en Galiza adquiridas polo SAREB ao de constituír un patrimonio público e garantir o dereito a unha vivenda digna.
O PP galego fidel aos ditados do PP de Madrid
Pombo afirmou que o Partido popular galego é fidel aos ditados do Partido popular que dirixe Mariano Rajoy e considerou a posición do grupo parlamentario do PP na Cámara galega, resulta novo ataque ao dereito a unha vivenda digna.
O deputado do BNG, na súa intervención, afirmou que os desafiuzamentos son a consecuencia inmediata dunha errónea política inmobiliaria e crediticia ás que teñen contribuído de maneira moi favorable as entidades financeiras.
Burbulla inmobiliaria que acrecentou o empobrecemento
O nacionalista denunciou que esa política afecta ao dereito fundamental a unha vivenda digna de cada galego e galega e nunha situación de crise económica, a influencia do sector financeiro foi un dos principais culpables do drama de moitas familias por mor da burbulla inmobiliaria que deu lugar ao empobrecemento a través do crédito hipotecario.
Para o parlamentario, a rixidez do marco hipotecario está a provocar que moitas familias non conten cunha alternativa á hora de non poder facer fronte ao pago da súa hipoteca, nada de dación en pago e nada de conversión de contratos en arredamentos ou alugueres, afirmou.
Os propietarios da vivenda deben, a maiores, asumir a perda da mesma sen que se produza un resarcimento da débeda estarán anos e anos hipotecados, dixo o deputado, mentres o Goberno sanea á Banca con cartos públicos e as familias son expulsadas das súas vivendas, a cidadanía perde dereitos e salarios e tamén servizos públicos básico.
Mentres a cidadanía perde, incluso a vida, as entidades financeiras son saneadas con cifras millonarias de fondos públicos, concluíu Pombo.