Pleno apoio á consulta soberanista en Catalunya porque os democratas non temen as urnas
Desde o BNG demandamos mesura, diálogo e respecto ás institucións, ao pobo catalán e a todos os demócratas que non lle temos nunca medo as urnas, sexa cal sexa o resultado, argumentou Vence, quen advertiu que a cerrazón do Goberno central, poñendo parapetos formalistas pola vía xurídica, non é a solución senón que bota máis leña ao lume. O modelo é Escocia.
Nin a miopía, nin a cerrazón do Goberno central van contribuír á solución do problema, e esta estratexia pode aumentar a conflitividade na situación política en Catalunya, advirte, tras deixar claro que entorpecer a consulta pola vía xurídica non é a solución que só virá asumindo que o pobo catalán reivindica o dereito a ser consultado, o dereito a decidir, tanto dos que están a favor da independencia como dos que non.
Fronte ao inmobilismo do Goberno de Rajoy, o BNG defende a vía do diálogo para dar paso a unha consulta con plenas garantías democráticas e con pleno respecto ao debate.
Neste sentido, convida aos partidos españois PP e PSOE a defender a súa oposición á consulta nun proceso de debate social e político propio dunha democracia, en lugar de facer uso partidista do Tribunal Constitucional para impedir a consulta e a expresión da vontade maioritaria dos cataláns.
Vence defendeu a lexitimidade plena dos órganos de representación da cidadanía de Catalunya que contrapuxo á do Consello de Estado, cun presidente caciquil que aparece na investigación da Pokemon.
Que lexitimidade ten un Consello de Estado que se reuniu para darlle o plácet en poucas horas ao Goberno central en pleno domingo, presidido por un señor que se chama Romay Beccaria que está estes días nos papeis da Pokemon como expresión da súa vella política de caciquismo e de enchufismo usando as súas influencias, en concreto e recibindo presuntamente transferencias de 40.000 euros desde as contas de Conde Roa, se preguntou o portavoz nacional.