O que está en perigo non é a unidade de España, é Galiza se segue sometida ás políticas do PP

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, advertiu nun mitin en Cangas que malia que o “tandem Rajoy-Feijóo” considere que a unidade de España está en perigo se o PP perde a maioría, “o que realmente está en risco nestes momentos é Galiza de continuar sometida ás políticas da dereita”.

Jorquera afirmou que o próximo día 21 de Outubro dáse unha dupla oportunidade, a de frear a Feijóo e a de evitar que Rajoy teña un aval para meter man ás pensións e continuar coa súa escalada de brutais recortes.

O candidato nacionalista defendeu as propostas do BNG e reclamou o dereito a “poder gobernar nós a nosa terra”, ironizando co feito de que Feijóo diga que á sociedade galega non lle interesa ter máis autonomía.

“Pois que lle pregunten á sociedade galega –engadiu- se lle parece ben que en Bruxelas digan que non podemos pescar ou que digan que non podemos construir barcos”.

Pemex

Neste sentido, respecto da crise do sector naval e os “contratos pantasma” de Pemex, ante as novas informacións de onte mesmo de directivos da empresa mexicana, nas que se volve cuestionar a firmeza deses contratos, Jorquera emprazou a Feijóo a que os faga públicos dunha vez e compareza na Deputación Permanente do Parlamento para rendir contas.

Emprazo de novo a Feijóo a que ensine dunha vez os contratos de Pemex ou estará asumindo que ten algo que agachar e un presidente que minte é un presidente indigno

Para o candidato do BNG, se non o fai estará asumindo que ten algo que agachar e Galiza non pode permitirse un presidente que minta. “Un presidente que minte é un presidente indigno”, dixo.

Jorquera reiterou que é máis necesario que nunca ter máis autonomía ante a recentralización do Estado que se está a producir e ante un goberno do PP que en temas vitais para o País, como a fraude das preferentes ou en materia eólica, actuou máis como “delegado do goberno” en Galiza que como presidente da Xunta, asumindo sen rechistar os decretos impostos dende Madrid en vez de votar en contra ou presentar recurso de inconstitucionalidade.

Carlos Aymerich

Nun auditorio ateigado de público, o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, alertou sobre as políticas do PP, “que van directamente ás carteiras das persoas, pois foron ás nosas carteiras en sanidade ou en educación, ás carteiras dos funcionarios públicos rebaixando salarios e eliminando a paga extra ou ás carteiras dos afectados pola estafa das preferentes”.

Aymerich tamén aproveitou a súa intervención para asegurar que o perdón e o arrepentimento non chegan no caso das declaracións de Castelao Bragaña sobre as mulleres, “pois estamos ante un exemplo de apoloxía da violencia, da violencia machista neste caso, e iso é delito”.