A oferta de diálogo de Feijóo limítase a aprobación de dúas propostas das 100 presentadas polo BNG

Cumpríuse o guión: o PP aplicou o rodillo no debate do estado da nación. A enfática oferta de diálogo de Feijóo na súa intervención parlamentar ficou reducida a apretar o botón do sí só para dúas das cen propostas presentadas polo BNG, -catro sumado ás aprobadas ao conxunto dos grupos da oposición-.

As dúas iniciativas nacionalistas instan á Xunta a defender a sanidade pública nun caso, e a adoptar as medidas necesarias para que os estafados polas preferentes e subordinadas recuperen a totalidade dos seus aforros, neste caso, aprobada por unanimidade.

O PP impuxo o seu veto, sen embargo, a todas as restantes propostas do BNG. Entre elas, converter NGB nunha banca pública galega, suprimir a subida dos impostos dos carburantes e sustituir esa medida regresiva por incrementos no IRPF ás rendas máis altas, ás grandes superficies, aos depósitos bancarios ou crear un canón a aplicar ás industrias contaminantes.

Ademais de garantir o principio de progresividade fiscal, o Bloque reclamou sen éxito solicitar para Galiza plena autonomía fiscal que permita ao país recadar o 100% dos seus impostos, e demandar de Madrid o imposto de sociedades, que aportaría ás arcas públicas ingresos adicionais de 1.000 millóns de euros.

Igualmente, o rodillo popular deixou en papel mollado as iniciativas nacionalistas para dotar de carga de traballo ao sector naval galego e para que Galiza teña voz directa na UE naqueles temas que lle afectan como País.

A rexeneración da vida pública tamén concentrou unha parte significativa das propostas do Bloque, nun ano marcado pola difusión das relacións mantidas por Feijóo co narcotraficante Marcial Dorado, pola trama Gürtel de susposto financiamento ilegal do PPdG ou o último episodio que leva ao delegado da Xunta en Ourense a ser investigado por fraude fiscal.

Os servizos públicos, con especial incidencia na sanidade e na educación, sumaron un número importante de propostas, solicitando a retirada do "inhumano" copago dos medicamentos, recuperar a gratuidade dos comedores escolares ou deixar de subvencionar aos centros que segreguen por sexos.

A viceportavoz parlamentar, Ana Pontón, encargada de explicar e defender as propostas do Bloque, lamentou a falla de sensibilidade do Goberno de Feijóo por todas as persoas que en Galiza están nunha situación límite. "O pior e que neste debate quedou claro que Feijóo non ten ningunha intención de rectificar unhas políticas que conducen a máis paro, pobreza e desesperación", porque  Galiza ten un presidente "que fai oposición a Galiza", concluíu.

Intervención íntegra Ana Pontón e propostas de resolución presentadas polo BNG.

Intervención Ana Pontón

PROPOSTAS BNG DEBATE2013 1º

PROPOSTAS BNG DEBATE2013 2º