Non se debe modificar a Lei do Aborto, en todo caso, subsanar as súas carencias
As deputadas do BNG denuncian que o PP e a Conferencia Episcopal pretendan decidir sobre os dereitos da saúde e de reprodución das mulleres
Carme Adán, Ana Pontón, Tereixa Paz e Montse Prado presentaron hoxe, ante os medios de comunicación en sede parlamentar, diversas iniciativas contra a reforma da Lei do Aborto impulsada polo Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.
A portavoz de Política de Igualdade do BNG, Carme Adán manifestou que a lei do aborto non debe ser modificada, en todo caso, mellorar algunha das súas carencias.
Os datos relativos ao paro feminino e a emigración das mozas son aterradores dixo Adán, crise económica á que hai que sumar un momento de forte retroceso de dereitos adquiridos.
Neste sentido, a deputada nacionalista afirmou que o Goberno de Madrid e de maneira cómplice o de Galiza lexislan seguindo os ditados da Conferencia Episcopal como aconteceu na Lei educativa e agora pretenden facer o mesmo modificando a Lei do Aborto.
Rouco Varela quer gobernar a saúde reprodutiva das mulleres
Para as deputadas do BNG, a Conferencia Episcopal e o PP non poden decidir sobre as liberdades sexuais e reprodutivas das mulleres e denunciaron que a lei aprobada no 2010 de Saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do Embarazo que en Galiza foi freada pola Consellería de Sanidade que non garantiu que nos hospitais públicos as mulleres puideran facer uso desta prestación.
A consellería de Sanidade e a Secretaría de Igualdade do Goberno de Feijóo, explicou Adán, estableceron unha rede nada obxectiva de apoio ás mulleres xestantes integrada por 16 organizacións das que 11 son de corte ultrarelixioso.
Neste escenario, as declaracións do Ministro de Xustiza, Ruíz Gallardón están a producir grandes inquedanzas sobre o futuro dos dereitos a reproducir das mulleres.
O BNG demanda un compromiso de Feijóo cos dereitos reprodutivos das mulleres
O BNG rexistrou diversas iniciativas co obxecto de acadar un compromiso real do Presidente da Xunta co dereito reprodutivo das mulleres, o Goberno de Galiza debe garantir na Sanidade pública que se cumpra a lei nos supostos actuais de interrupción voluntaria dun embarazo, sentenciou Adán.
As deputadas nacionalistas pediron a eliminación dos folletos da Red Madre que neste momento se reparten na Sanidade pública e denunciaron A Guía de apoio á maternidade publicada na páxina oficial da Secreataría Xeral de Igualdade por apoloxía á mencionada Red integrada fundamentalmente por asociacións ultraconservadoras e financiadas con fondos públicos, estamos vivindo, dixeron, unha volta atrás nos dereitos das mulleres, manifestaron.
Carme Adán asegurou que un retroceso agora na Lei do Aborto provocará que as mulleres con menos recursos se sometan a intervencións pouco seguras e non regradas volveremos outra vez, dixo, a clandestinidade, polo contrario, as mulleres con recursos volverán a abortar no estranxeiro.
Silenzo cómplice do Goberno galego
Adán reiterou que o BNG seguirá reclamando que o Goberno galego se pronuncie en contra da modificación da lei do Aborto e considerou que esta reforma representa un novo recorte nas liberdades e dereitos das mulleres.
Queremos, concluíu, que a Consellería de Sanidade ofreza información obxectiva a respecto do embarazo, lactancia e da interrupción voluntaria do embarazo, non se debe recortar en escolas infantís, conciliación, comedores escolares, a maternidade debe ser garantida con outras políticas de igualdade, concluíu.