No primeiro #debategz, Jorquera demostra que a saída da crise pasa por ir a unha Galiza soberana
Apenas 70 minutos de debate bastaron a Francisco Jorquera para demostrar con absoluta clareza que non é posíbel unha saída socialmente xusta da crise sen avanzar con determinación cara á unha Galiza soberana.
"Non se trata de non dar nin un paso atrás no autogoberno. Trátase de dar pasos cara adiante", espetoulle Jorquera a Pachi Vázquez, candidato do PSOE, no primeiro debate en que tomou parte o Bloque Nacionalista Galego, o primeiro #debategz.
Jorquera puxo en destaque que a defensa do autogoberno de Galiza debe ser proactiva, non contemplativa, e advogou por superar o atual marco político, o que necesariamente pasa por superar a Constitución de 1978. "Ou é que esa Constitución só se pode reformar aos ditados da señora Merkel", perguntouse o candidato do BNG á presidencia da Xunta.
Comigo como presidente da Xunta Galiza terá o mesmo poder de decisión que Catalunya ou Euskadi
"Comigo como presidente do Goberno galego, comprometeu Jorquera, "Galiza terá o mesmo poder de decisión que consigan Catalunya e Euskadi". O candidato nacionalista estivo moi didáctico e convincente ao ligar soberanía non só coa saída da crise, senón tamén coa profundización da democracia.
Plantar cara aos recortes
No bloco de economía e emprego, Jorquera enfatizou que o BNG vai plantar cara con decisión ás política de recortes, por seren non só antisociais, mais tamén contraproducentes para deixar atrás a crise.
"O BNG non fará un goberno para aplicar recortes, como está a facer o seu partido, señor Vázquez, en Andalucía, co apoio de Izquierda Unida", alegou Jorquera.
O candidato nacionalista debullou as propostas alternativas do BNG para combater a crise e criar emprego: Banca Pública Galega, Concerto Económico, Tarifa Eléctrica Galega, reforma fiscal integral, redución do gasto improdutivo para co que se aforre financiar o aparato produtivo e mellorar os servizos públicos...
O BNG non fará un goberno para aplicar recortes como o está a facer o seu partido, señor Vázquez, en Andalucía co apoio de IU
En definitiva, ficou claro que as alternativas reais ás políticas de dereita, ás políticas de negación dos dereitos nacionais de Galiza, son as que defende o Bloque Nacionalista Galego, o único proxecto que se apresenta a estas eleccións que aspira á conquista do que cualificou Jorquera como "un país soberano".
Esta noite, o segundo #debategz
Esta noite (21.30, tamén na TVG) vaise realizar o segundo e xa definitivo #debategz, o que vai confrontar a Jorquera con Feijóo.