Nace a Plataforma social Avante Galiza! de apoio á candidatura do BNG ás eleccións europeas do 25M

A cabeza de lista do BNG ao Parlamento Europeo, Ana Miranda, fixo un chamamento hoxe á participación dos galegos e galegas nas eleccións do 25 de maio e asegurou que “a abstención é un suicidio” porque “se quedamos na casa seguirannos roubando”.

A candidata nacionalista, que presentou esta mañá en Compostela a plataforma social Avante Galiza!, de apoio á candidatura do BNG ao Parlamento Europeo, quixo loitar contra o “adormecemento social e a abstención” que está a buscar o PP nesta campaña electoral, denunciou. “O PP quere que a xente quede na casa o día 25 para non recibir un pau polas súas políticas de recortes, que están afogando á xente”, denunciou a candidata nacionalista,

“Contra ese PP, contra esa Europa antisocial e antidemocrática que nos rouba o futuro, hai que mobilizarse o vindeiro 25 de maio, hai que mobilizarse de maneira masiva. Queren que nos quedemos na casa, porque se nos quedamos na casa, gaña a Troika, se nos quedamos na casa, gana o PP, ganan as políticas da dereita que nos empobrecen, gana a banca especulativa e perdemos nós, os galegos e as galegas do común”, afirmou Ana Miranda.

“Hai que encher as urnas de votos a favor da nosa mocidade, hai que encher as urnas de votos a favor da economía real e da creación de emprego, hai que encher as urnas de votos a favor dos dereitos das mulleres, hai que encher as urnas de votos a favor dos servizos públicos de calidade para todos e todas. Todos e cada un dos votos ao BNG viaxarán a Bruxelas para defender os intereses de Galiza”, continuou a cabeza de lista do BNG.

Se o BNG está, Galiza está

A candidata nacionalista puxo en valor o traballo feito polo BNG no Parlamento Europeo desde 1999 ata hoxe, primeiro coa presenza de Camilo Nogueira e logo coa propia Ana Miranda. “14 anos de defensa incansable e sen complexos de Galiza no Parlamento Europeo, sempre en solitario, sempre ante a indiferenza cando non hostilidade das forzas políticas estatais, que teñen menosprezado e ignorado os intereses dos nosos sectores produtivos, da nosa lingua, os intereses do país e da xente deste país”, dixo. “Para as forzas estatais, Galiza sempre pode esperar, sempre hai outras prioridades que atender. Para o BNG non. Para o BNG a única prioridade e Galiza, tamén no Parlamento Europeo. Por iso, “se o BNG está, Galiza está”, sentenciou.

“O PP non quere que a xente vaia votar para non recibir un pau”

Ana Miranda afirmou que “a campaña do PP é a campaña da abstención” porque, dixo, non quere que a xente vaia votar o día 25 contra as políticas de recorte que está aplicando. “O PP quere que a xente quede na casa o día 25 para non recibir un pau polas súas políticas de recortes, que están afogando á xente”, denunciou a candidata nacionalista. Fronte esta política de “adormecemento da xente” que pretende o PP, a cabeza de lista do Bloque fixo un chamamento aos galegos e galegas a “rebelarse contra estas políticas da dereita que nos esmagan” indo a votar o día 25 ao BNG, “unha forza galega que nunca lle fallou a este país”, dixo.

Avante Galiza!, “o reflexo dun país que non se resigna”

No acto celebrado en Compostela foi presentada a plataforma social Avante Galiza!, unha iniciativa aberta na rede para manifestar o apoio á candidatura do BNG ás eleccións europeas do 25 de maio. Está plataforma, cuxo manifesto está dispoñible en https://avantegaliza.wordpress.com/, conta xa cun cento de adhesións de apoio á candidatura, porque, segundo se recolle no súa carta de presentación “é a mellor maneira de afirmarmos o noso dereito ao futuro, á xustiza social, á igualdade, ao benestar e á liberdade. Porque é a mellor maneira de afirmarmos a nosa vontade de sermos unha nación en Europa, unha nación no mundo”.

Xente do mundo da cultura, laboral e sindical, da universidade, activistas sociais, profesionais de prestixio integran esta plataforma social, que hoxe na súa presentación pública aos medios contou coa presenza de Mario Díaz, Xosé Collazo, Begoña Caamaño, Xosé Alfredo Pereira, Esteban Ferrer, Concha de la Fuente, Verónica Martínez e Elvira Souto. Entre os asinantes tamén está Margarita Ledo, Xurxo Souto, Xavier Queipo, Anxos Sumai, Alonso Caxade, Dionisio Pereira, Oscar Rodil,Xavier P. Docampo, Victor Vaqueiro, Ugia Pedreira, entre outros.

Ana Miranda deu as grazas por esta iniciativa “reflexo dun país vivo, digno, que se organiza e que se mobiliza. Un país que non se resigna, que da a cara, que non se deixa narcotizar pola propaganda do PP, esa maquinaria que pretende cubrir cun manto de mentiras as consecuencias dunhas políticas que causan paro, emigración, desigualdade, exclusión social, desesperación e mesmo fame”, denunciou.