Miranda: "A loita contra a minería contaminante proba que Galiza non ten vocación de colonia"
Ana Miranda afirmou que en Corcoesto quixeron arrancarnos o corazón da terra. Pero non lles deixamos. Esa batalla gañámola pelexando ao lado da xente deste país, como sempre fai o BNG, dixo. A cabeza de lista do BNG afirmou que Corcoesto é tamén o exemplo desa batalla desigual en contra das multinacionais e en contra dun modelo económico capitalista e neoliberal que afoga á xente.
Ese modelo económico especulativo e inhumano contou en Corcoesto coa complicidade dos secuaces políticos do PP, encabezados por Feijóo, denunciou Ana Miranda, que lembrou que mentres Feijóo se poñía do lado do inimigo, o BNG púxose do lado da xente, do lado de Galiza, e deu voz directa en Europa a todos os colectivos que lle plantaron cara a ese capitalismo sen rostro, levounos a Bruxelas para que explicaran directamente no Parlamento Europeo a súa loita contra as multinacionais que nos queren roubar a riqueza, que teñen o cianuro por bandeira para facer negocio a costa de envelenar a terra, insistiu a cabeza de lista do Bloque.
Tanto monta, monta tanto Cañete coma Blanco
En Carballo e acompañada por Xavier Vence e o alcalde nacionalista de Carballo, Evencio Ferrero, Miranda criticou a actual lúa de mel do PP e do PSOE e dixo que na defensa dos intereses galegos tanto monta, monta tanto Arias Cañete coma José Blanco. A cabeza de lista do Bloque dixo que para o bipartidismo harmónico españolista Galiza e os intereses dos galegos e galegas sempre poden esperar, mentres para o BNG Galiza é primeiro, como demostramos en Europa todos estes anos, dixo a candidata nacionalista.
Ana Miranda asegurou ademais que PP e PSOE defenden o mesmo modelo de Europa. Ese bipartidismo harmónico españolista do PP e do PSOE, en plena lúa de mel estes días, ofrecen a Europa da troika, a Europa que rescata a banca que nos rouba os aforros, a Europa que manda emigrar a 100.000 mozos e mozas, a Europa dos 300.000 galegas e galegos que non encontran emprego nin buscando debaixo das pedras, a Europa que paga salarios de miseria que te fan pobre aínda que traballes, a Europa que privatiza servizos públicos, a Europa que permite paraísos fiscais mentres levanta balados con coitelas contra os pobres do mundo, asegurou.
Contra ese bipartidismo españolista temos o equipo da casa, temos ao BNG, que sempre, sempre deu a cara por Galiza en Europa, desde 1999 con Camilo Nogueira ata hoxe, afirmou Ana Miranda. Por iso, o 25 de maio non podemos ficar na casa, de ningunha maneira, temos que ir votar para defender o noso futuro, como persoas e como pobo, pediu a candidata nacionalista.
A AP-9, en venda
Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG arremeteu contra o anuncio propagandístico da ministra de Fomento, Ana Pastor, dunha realidade virtual en plena campaña electoral, exemplo de desfachatez política do partido Popular, afirmou Xavier Vence, que preguntou quen vai levar a cabo esa suposta ampliación de Rande e da AP-9 cando a empresa propietaria, Itínere, está anunciando a súa venda. Tamén cuestionou Vence os supostos beneficios desa obra para os usuarios. A resposta é moi clara -dixo o portavoz nacionalista- aumento dos anos de concesión e tarifas máis caras para os galegas e galegos, cautivos dunha infraestrutura para a que non hai alternativa.
Vence tamén explicou que o BNG presentará recurso contra a compañía da CRTVG solicitando que esta propaganda electoral da ministra Ana Pastor se lle desconte dos espazos informativos que lle corresponden ao Partido Popular na cobertura das eleccións europeas.
O dirixente nacionalista tamén replicou a Feijóo en relación aos fondos europeos. Feijóo vendeu coma un triunfo o seu fracaso, dixo Xavier Vence, xa que nin recibimos os fondos que nos correspondían nin estamos acortando distancias cos territorios máis ricos da UE, explicou, posto que Galiza retrocedeu 7 postos no ranking das rexións europeas, onde o noso país ocupa a posición 148 de 272. Estes fondos estruturais, que moitas veces se investiron en proxectos de dubidosa rendabilidade para o noso país, non compensan nin con moito a destrución dos nosos sectores produtivos, asegurou.