A Mesa do Parlamento veta tramitar unha iniciativa do BNG para reprobar a Juárez
Francisco Jorquera cualifica de auténtico atentado á democracia e violación do regulamento vetar a Proposición non de lei nacionalista
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera anunciou que o BNG estuda acudir ao Tribunal Constitucional para pedir amparo ante a vulneración dos dereitos dos deputad@s ao impedir o Partido popular tramitar a Proposición non de lei na que se pide a reprobación do delgado do Goberno, Samuel Juárez pola súa responsabilidade na desproporcionada carga policial contra os traballadores do cerco e a súa negativa a que comparezan na Comisión de estudo de seguridade viaria altos cargos da Garda Civil de tráfico.
O delegado do Goberno está a converter Galiza en Ciudad Juárez
Na comparecencia ante os medios de comunicación, tras a Xunta de portavoces, Jorquera mostrou a súa indignación polo veto á iniciativa nacionalista e negou que a verdadeira razón sexa que non se axusta o regulamento como afirma o Partido popular, na súa opinión, o veto demostra que Juárez manda sobre o Goberno e esta convertendo Galiza en Ciudad Juárez.
Para o deputado, que leu literalmente o texto da iniciativa, lembrou que o artigo 160 establece os grupos parlamentarios poderán presentar proposicións non de lei a través das cales lle formulen propostas á Cámara e o 161, esgrimido polo PP, tampouco establece ningunha acotación sobre as materias obxecto das proposicións non de lei admitindo como finalidade obter unha manifestación da vontade da Cámara.
Asemade, o parlamentario lembrou que nesta mesma lexislatura outras iniciativas foron admitidas a tramite, debatidas, votadas e aprobadas entre as que destacou o rexeitamento da moción de censura no concello do Valadouro ou acordar dos concellos da Área metropolitana de Vigo o desbloqueo do plan de transporte metropolitano.
Juárez manda sobre o Parlamento, o Goberno e o Sr. Feijóo
O deputado reiterou que a reprobación basease nas actuación do delegado do Goberno contra o dereito de manifestación, o incremento dos expedentes sancionadores contra o dereito libre de expresión e reunión pública e a persecución de colectivos afectados polas preferentes e desafiuzamentos.
O delirio, dixo prodúcese xa cando son denunciadas varias persoas por pintar na estrada Galiza Nación, pedir a documentación por repartir panfletos no entorno do estadio de Riazor ou chegar a afirmar que unha escisión de Resistencia galega conta con 600 terroristas asalariados.
Orde do día da vindeira sesión plenaria
O parlamentario do BNG reseñou os asuntos que serán abordados na vindeira sesión plenaria entre os que destacou a crítica á Reforma Local, a proposición de lei de consultas populares, a defensa dunha nova lei electoral fronte a proposta polo Partido popular, a recuperación da titularidade pública da AP- 9 e unha proposta contra a pobreza enerxética.
Finalmente, na quenda de preguntas ao Presidente da Xunta, o portavoz do BNG no Parlamento galego interpelará a Feijóo sobre as actuacións do Goberno para evitar a desaparición de Pescanova.