Masiva protesta en Galiza contra a involución educativa que impón a LOMCE

O BNG participou nas manifestacións convocadas pola comunidade educativa por toda Galiza contra a LOMCE, por considerar que se trata dunha lei privatizadora clasista, antipedagóxica e antigalega, que desmantela o ensino público. As protestas contra a chamada Lei da Wertgoña foron secundadas masivamente baleirando as aulas de estudantes e profesorado que sairon a rúa para rexeitar a involución educativa que impón a LOMCE.

“A LOMCE supón unha auténtica involución no proceso educativo porque camiña na dirección de fortalecer o ensino privado e debilitar a calidade do ensino público, recortando recursos, bolsas, orzamentos para investigación”, criticou o portavoz nacional, Xavier Vence.

“O PP, na Xunta e en Madrid, está aproveitando a crise para facer reformas regresivas, impoñendo reválidas que expulsarán do sistema educativo a un bo número de estudantes, cando o que necesitamos é unha sociedade baseada no coñecemento e na educación”, recalcou o dirixente nacionalista.

“Non podemos tolerar o deterioro do ensino público, porque o sistema educativo é fundamental para garantir a igualdade de oportunidades, construír unha sociedade máis xusta e para formar ás xeracións do futuro”, concluíu Vence.

Video resumo elaborado por CIG-Ensino: http://www.youtube.com/watch?v=gwvboFAY9Ow#t=20