A loita dos mártires de Carral, vixente ante a recentralización do PP que devora o noso autogoberno
Ante o monumento conmemorativo, o portavoz nacional, Xavier Vence, subliñou a vixencia das demandas dos mártires de Carral, cando estamos ante unha estratexia de recentralización planificada polo PP que lamina o noso autogoberno e as nosas institucións coa submisión e complicidade do presidente da Xunta.
168 anos despois, o BNG segue a ver a necesidade de manter esa mesma loita de Galiza contra o centralismo para defender as nosas competencias, o noso autogoberno e camiñar cara unha maior soberanía que nos permita ter as ferramentas necesarias para defendernos nos mesmos, aos nosos sectores produtivos, para crear emprego e frear a sangría da emigración, salientou Vence.
Neste sentido, o dirixente nacionalista denuncia o brutal proceso de recentralización levada a cabo o PP, que está facendo que os nosos recursos, que os nosos impostos e os nosos sectores produtivos se poñan a disposición dos lobbies políticos e financeiros madrileños. O espolio dos nosos aforradores e dos nosos contribuíntes é unha forma concreta dese centralismo que practica o PP, denuncia Vence, co beneplácito e a colaboración necesaria de Feijóo.
Un ano máis, explicou, o BNG homenaxe aos mártires de Carral e reivindica a loita de todos os precursores de nacionalismo galego en defensa de Galiza, a supervivencia deste país fronte ao centralismo, porque entendían que era a mellor maneira de defender a nosa identidade, a economía produtiva do país fronte á voracidade do centralismo madrileño.
Reformas lexislativas
O proceso para laminar o autogoberno e as institucións do país ten como peza chave as modificacións lexislativas que está a levar a cabo o Goberno de Mariano Rajoy e, a modo de exemplo, Vence citou a reforma local, xa aprobada, e a reforma do mapa xudicial que ultima Gallardón, que reducen a nosa capacidade de goberno para prestar servizos á cidadanía en condicións dignas e de proximidade.
O Executivo de Rajoy está empeñado nun proceso de recentralización que nos priva das nosas competencias, que leva a nosa económica ao colapso, a perda de empregos que, ao final, á emigración e ao desastre demográfico, advirte Vence. De aí que a loita que representaron os mártires de Carral sega hoxe vixente.
Na homenaxe tamén participou Victoria Louro, portavoz municipal no Concello de Carral, e Alba Castanedo, representante de Galiza Nova, e contou coa presenza do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera, e dos membros da Executiva nacional, Goretti Sanmartin e Xavier Campos. Concluíu coa interpretación do himno galego.