Lobeira: "Queren ter a foto dos dirixentes do BNG na Audiencia Nacional en plena campaña electoral"
O BNG informou en rolda de prensa das notificacións recibidas polo portavoz nacional, Xavier Vence, e polo secretario de Organización, Bieito Lobeira, polas que son citados a declarar en calidade de testemuñas ante a Audiencia Nacional o vindeiro 14 de decembro, no curso dunha investigación que o xuíz Eloy Velasco ten iniciado contra a organización política Causa Galiza.
A dirección do BNG, por boca do propio secretario de organización, expresou a súa estupefacción por ser citados nese proceso, aínda que só sexa como testemuñas-. Francamente, non entendemos cal pode ser o nosa relación, -nin como persoas nin como organización-, cos feitos investigados en dita causa, expresou Lobeira.
Tras ser citados, a formación nacionalista solicitou información á Audiencia Nacional sobre un proceso que descoñecía por completo, máis aló do publicado polos medios de comunicación.
Pola información que nos transmitiron desde a Audiencia Nacional, o proceso está relacionado coa detención de varios responsables desta organización política que, como se ten publicado polos medios de comunicación, foron interrogados e finalmente postos en liberdade con cargos o día 2 de novembro, indicou Lobeira.
O BNG considera que a citación en plena campaña electoral non é casual, senón que ten unha clara intencionalidade política de desprestixiar ao nacionalismo galego e erosionar as súas expectativas electorais de cara á cita do 20 de decembro.
Non creemos nas casualidades, e non nos parece casualidade que esa citación sexa o 14 de decembro, xusto en metade da campaña electoral. Tal parece que alguén quixera ter a foto dos dirixentes do BNG entrando na Audiencia Nacional a seis días das eleccións xerais, indicou o secretario de organización.
Lobeira conclúe que a citación ten unha intención clara de desprestixiar ao BNG, co obxectivo evidente de prexudicar as expectativas electorais do nacionalismo galego, que o 20 de decembro representa NÓS-Candidatura Galega. Así de claro, alegou.
Lobeira quixo sacar ferro a unha citación que valora a medio camiño entre o despropósito e a tomadura de pelo a miles de galegos e galegas que leva máis de trinta anos confiando no proxecto político que representa a formación nacionalista.
Os galegos e as galegas non están por comprar motos, e menos se veñen empaquetadas desde a Audiencia Nacional. A estas alturas, pretender desacreditar ao nacionalismo galego vai máis aló do despropósito, é unha tomadura de pelo aos miles de galegos e galegas que levan vinte anos confiando no BNG, para defender Galiza, aquí, en Madrid, e na China mandarina, remarcou
Lei mordaza
Neste sentido, salientou que ninguén vai desviar ao Bloque do seu obxectivo político inmediato, que é traballar para obter os mellores resultados posibles para que Galiza teña voz en Madrid da man de NÓS-Candidatura Galega tras o 20D.
Ninguén, -nin a Audiencia Nacional, nin ningunha campaña interesada de desprestixio-, nos vai desviar un milímetro da nosa prioridade inmediata: conseguir o 20 decembro o mellor resultado electoral para o nacionalismo que representa NÓS Candidatura Galega, para defender en Madrid os intereses deste país e da súa maioría social, proclamou.
Lobeira pechou a súa comparecencia ante os medios permitíndose unha brincadeira, ao avanzar que valora a posibilidade de pedir un aprazamento da súa comparecencia ata o 28 de decembro, día dos santos inocentes, penso que sería o máis acaido dentro deste despropósito.
O secretario de organización non quixo entrar en especulacións sobre o proceso polo que son citados como testemuñas, condición pola que pode ser citado calquera persoa nunha causa. Lembrou, iso si, que co recorte de liberdades e de dereitos que supuxo a Lei mordaza aprobada en solitario polo PP calquera cidadán pode terminar na Audiencia Nacional simplemente por saír a rúa a defender os seus dereitos, concluíu.