A Lingua non é un elemento do baúl identitario
García Negro: A Xunta debe ingresar, dunha vez, na legalidade e cumprir a lexislación que vulnera constantemente
A deputada, Ana Pontón presentou hoxe, xunto as profesoras da Universidade da Coruña, militantes do BNG e especialistas en Sociolingüística, Pilar García Negro e Goretti Sanmartín, a Proposición de Lei de normalización de usos sociais e públicos da lingua galega.
Na súa intervención, ante os medios de comunicación, a parlamentaria explicou que a Proposición de lei nacionalista coincide co trinta aniversario da promulgación da lei de Normalización Lingüística e o BNG pretende con esta iniciativa promover un avance no proceso normalizador.
Pontón denunciou que o galego pasa por unha situación crítica polo que resulta necesario dar un salto a nivel lexislativo para revisar e modernizar o marco legal para que a lingua galega non se converta nun elemento do baúl identitario.
Contidos da iniciativa nacionalista
Ana Pontón manifestou que debe iniciarse unha oferta en positivo sobre o idioma galego na que a administración cumpra un papel central na utilización e uso da lingua galega, o respecto a toponimia e a normalización no ámbito educativo, xudicial, sanitario e medios de comunicación.
Neste sentido, defendeu que o profesorado utilice na clase a lingua predominante e coide que o alumnado adquira, de forma escrita e oral, o coñecemento da outra lingua oficial en Galiza, na educación primaria e secundaria e ciclos formativos debe garantirse por lei que como mínimo, o alumnado reciba o 50 por cento da súa docencia en galego.
No ámbito universitario, debe ser elaborado un plan de uso que permita a presenza do idioma galego nas aulas da Universidade.
Por último, a deputada nacionalista estendeu a iniciativa á prestación de servizos de empresas con contratos coas administración públicas, garantindo o uso do galego equivalente ao da administración.
A deputada tamén considerou que as empresas privadas normalicen o uso da lingua galega en contratos, facturas e comunicacións aos usuari@s.
Sanmartin e García Negro: A lei non pode ser papel mollado
Pola súa parte, as profesoras Goretti Sanmartín e García Negro indicaron que a planificación lingüística debe contar cun armazón para camiñar a par coa sociedade e avaliar o que se leva feito durante anos para que a lei non se converta en papel mollado.
Sanmartín salientou que a falta de implicación dos poderes públicos provocou que a propia sociedade civil fora quen de conseguir avances. Agora cumpre que se demostre vontade política para dar un paso máis para normalizar a situación dramática que está a vivir o galego, os poderes públicos deben comprometerse co idioma, sentenciou.
Goretti Sanmartín fixo un chamamento á sociedade galega a participaren na manifestación do próximo 17 de Maio convocada pola Plataforma Queremos galego en Santiago de Compostela, baixo o lema Non queremos ser estranxeiras na nosa patria.
Pilar Garcia Negro manifestou que para a Xunta de Galiza o idioma galego é unha roncha e o panorama gobernamental é desolador. Temos, unha lei, dixo, que acumula tres décadas de existencia e que en orixe, era unha lei con escasísima prescriptividade acumulada de boas intencións co anuncio de fomento e estimulo que malamente se cumpriron.
Para García Negro cumpre avaliar o proceso de normalización lingüística e os seus obxectivos, porque na súa opinión, nestas tres décadas mudaron os ámbitos nos que está presente.
García Negro acusa Alonso Montero de españolista extremista
A preguntas dos xornalistas sobre as declaracións do Presidente da Real Academia Galega, nas que afirmou que o BNG quere tanto a lingua galega que acaba abafándoa, García Negro respondeu que estas palabras poñen de manifesto o españolismo extremista de Alonso Montero e ataca a quen defende a lingua galega en vez de colocala no lugar que lle corresponde, Montero, dixo, a exdeputada do BNG, saca a pasear a súa revellada tendencia antinacionalista e omite onde está realmente o problema da normalización do galego.