Jorquera: "Váiase Sr.Feijóo, por decencia e para non facer máis dano a Galiza"
Francisco Jorquera lémbralle a Feijoo que comparece na Cámara arrastrado pola oposición e baixo condicións marcadas polo Partido popular
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, acusou hoxe ao Presidente da Xunta de mentir por sistema e chegar á presidencia instalado na mentira.
Trala intervención de Núñez Feijóo para explicar a súa relación co clan de contrabandistas e narcotraficantes liderado por Marcial Dorado e as fotos, recentemente publicadas por un medio de comunicación nas que o Presidente da Xunta e Dorado aparecen nun iate, o portavoz do BNG amosou tamén unha foto da Xeración perdida de Vilanova de Arousa, seis dos rapaces que aparecen aquí, dixo, morreron mentres vostede reuníase co seu executor, Marcial Dorado.
Váiase Sr. Feijóo
Jorquera, indignado polas explicacións de Feijóo, reprochou que o Presidente da Xunta restara relevancia ás fotos publicadas co capo da mafia do contrabando porque mentres vostede paseaba en iate con Marcial Dorado, Vilanova ía quedando sen mocidade, diezmada polas drogas, manifestou.
O portavoz do BNG pediulle a Feijóo que "deixe de ser presidente" para non seguir danando a imaxe do noso país, rexenerar a democracia e que na política impere a decencia, váiase Sr. Feijóo, non é digno de ser Presidente de todos os galegos, indicou.
Feijóo minte por sistema
Para o parlamentar nacionalista, Núñez Feijóo é un presidente instalado na mentira, minte cando di defender que Galiza teña entidades financeiras, minte cando di defender aos afectados polas preferentes e tamén cando en campaña electoral afirmou que non pediría máis sacrificios aos empregados públicos: Ao final, houbo despedimentos e recorte de salarios.
Asemade, lemboru que Feijóo esixira a dimisión de Anxo Quintana acusándoo de mentiras, ese é o seu sentido ético da política e por riba ten o cinismo de dicir que nunca dubidou da súa honorabilidade, aínda estamos esperando que lle pida perdón por todo o que vostede fixo contra o vicepresidente da Xunta.
Asociacións de loita contra a droga presentes no debate
O deputado do BNG deu a benvida á Cámara galega aos representantes das Asociacións de loita contra a droga presentes no público que si sabían, dixo, quén era Marcial Dorado, todo o mundo o sabía, reiterou, menos vostede, todo o mundo en Galiza sabia a que se dedicaba. Os que facían cartos co contrabando de tabaco pasáronse ao haxix e á cocaína, mentres seguían compartindo mesa e mantel cos políticos da época, sabe quen dixo isto Sr.Feijóo? Preguntou, o narcotraficante arrepentido, Manuel Fernández Padín.
Vostede toma aos cidadáns por parvos, Marcial Dorado está procesado no máis importante sumario por contrabando incoado en Galiza e considerado o dirixente dunha das tres principais organizacións de contrabandistas e relacionado por xuíces franceses e suízos nunha operación de branqueo de diñeiro procedente do contrabando denominada Peseta Conecction.
O portavoz do BNG pediu a Feijóo que non siga tomando o pelo aos galegos e non fale dunha relación circunstancial da que só sabe que había moita neve porque, vostede, xa non era un rapaz, tiña 34 anos e era un alto cargo do Goberno galego.
Responsabilidades políticas
Aquí, afirmou, estamos xulgando responsabilidades políticas e estes días apareceron informacións que indicaban que Marcial Dorado era provedor de combustible para calefacción do Sergas.
Váiase Sr. Feijóo, para que na política impere a decencia, para non danar máis a imaxe de Galiza e para rexenerar a democracia concluíu.