Jorquera tira de programa do PPdG e lembra que Feijóo quería o traslado de ENCE no 2009
O parlamentario formulou unha pregunta, na sesión de control, sobre o futuro da pasteira e lembrou que no ano 2009 o Partido popular en Galiza prometía recuperar, para o disfrute dos cidadáns e para a súa recuperación ambiental, a fachada marítima esquerda da ría de Pontevedra confirmando a súa aposta para o traslado do emprazamento de ENCE
Unha vez máis, o Presidente da Xunta converteu hoxe a sesión de control nun discurso electoral contra os éxitos urbanísticos do concello de Pontevedra gobernado polo nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores que recentemente recibiu dous premios internacionais , Dubay e Nova York, ao mellor modelo urbano.
O futuro de ENCE e o seu posible traslado fóra da ría de Pontevedra foi o centro da pregunta do portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera a Feijóo.
O deputado preguntou ao presidente sobre as súas prioridades e compromisos tras anunciar a súa intención de manter ENCE en Pontevedra e lembroulle que no ano 2009, o PPdG prometía recuperar para o disfrute dos cidadáns e a súa recuperación ambiental, a fachada marítima da marxe esquerda da ría de Pontevedra, garantindo o seu traslado dentro da comarca.
Feijóo debe favores a ENCE e quere pagarllos cunha prórroga
Vostede, dixo, non ten palabra e non cumpre o que afirmaba no ano 2012 cando declarou que o PPdG mantiña a súa aposta para que ENCE abandone o seu actual emprazamento. ENCE, afirmou Jorquera ocupa terreos públicos e por riba ten unha rebaixa do 95% no canon da auga e a súa presenza en Pontevedra destrúe máis postos de traballo dos que crea.
Neste sentido, asegurou que ENCE impón os prezos da madeira que arruínan aos produtores e se o Goberno quere poñer en valor a industria forestal debe cuestionar un modelo ónde nós poñemos a materia prima e outros as actividades que xeran valor engadido. Non sigan vostedes apostando polo monocultivo forestal, por un modelo oligopolio e depredador dos nosos recursos públicos e naturais.
Abandone as portas xiratorias e actúe como presidente do Goberno e non como o delegado de ENCE, recalcou Jorquera.
Cospedal: Estamos trabajando mucho para saquear este país
O deputado tamén lembrou que na última sesión de control, Feijóo respondeu sobre a situación económica de Galiza, a cola no ano 2014 que ningunha das causas dependen do seu goberno polo que o nacionalista preguntou para que serve entón o Goberno galego a non ser que faga súa a frase da secretaria xeral do Partido popular: Estamos trabajando mucho para saquear este país.
Sr. Feijoo, vostede nin exerce nin reclama competencias e ante a crise que estamos padecendo, limítase a dicir que a industria comportase de forma incorrecta, acaso non é vostede responsábel e o seu goberno?. Non acepta reformas legais contra a morte das renovábeis, oponse á tarifa eléctrica galega e non pon en valor a industria forestal ofrecendo como grande solución, que ENCE siga contaminando a ría de Pontevedra.
Coa súa postura, dixo, intenta devolver o favor a ENCE por colocar no seu Consello de Administración a unha longa nómina de cargos do PP entre os que destacou a Carlos del Álamo, Isabel Tocino e Fernando Abril Martorell.
Di que non a haberá informes favorábeis se non hai garantías ambientais pero aceptou unha modificación da lei de Costas que prorroga durante outros 75 anos as concesión en terreos públicos e aínda que sexa preceptivo un informe favorábel do Goberno galego, o goberno central resérvase o dereito a non consideralo, concluíu o parlamentario.
Durante o debate cidadáns de Pontevedra manifestáronse nas inmediacións do Parlamento esixindo a retirada de ENCE da ría e mesmo unha persoas foi desaloxada da tribuna de convidados por protestar tras a intervención de Núñez Feijóo e lanzar pasquíns ao hemiciclo baixo o lema: Por un futuro de calidade!Impidamos a prórroga de ENCE en Lourizán.