Jorquera: "Quen tiña que estar no banquillo do xuízo do Prestige é o señor Aznar"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, participou esta mañá na concentración convocada pola plataforma “Nunca Máis” con motivo do inicio do xuízo do “Prestige”

A Coruña, 16 Outubro 2012. O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou esta mañá na concentración convocada por “Nunca máis” con motivo do inicio do xuízo do Prestige que o BNG bota en falta “que estean imputados os máximos responsábeis da xestión, en concreto o máximo responsábel político que foi o xefe do goberno, o señor Aznar. El era o que tiña que estar sentado no banquillo”.

Jorquera insistiu en que “as responsabilidades políticas aínda están sen depurar” e lamentou que “dez anos despois as nosas costas seguen igual de indefensas para evitar que unha catástrofe coma esta poida volver producirse”.

Neste sentido, o candidato nacionalista lembrou que “o goberno Feijóo mesmo privatizou os servizos de Salvamento e a consecuencia é que nun país cun dos corredores marítimos internacionais máis importantes, cun elevado volume de tráfico, de buques con mercadorías perigosas non se tomaron as medidas preventivas necesarias para evitar ese tipo de catástrofes e tampouco hai as medidas necesarias para responder a este tipo de catástrofes se se volven producir”.

O candidato do BNG animou ao pobo galego a que “extraia conclusións da incompetencia e o desprezo a Galiza que manifestaron naquel momento os gobernantes do PP”.

En resposta ás perguntas dos xornalistas sobre a situación do litoral galego, Francisco Jorquera insistiuen que “Galiza sufre sinistros marítimos desde os anos 70, un cada dez anos e a a realidade é que non se dotou o país das medidas necesarias, nin se dotaron os medios de Salvamento. O noso país segue igual de indefenso que hai dez anos”.

 

http://youtu.be/ge69Euw8WnQ