Jorquera presenta as proposta do BNG en medioambiente

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, presentou hoxe as propostas medio ambientais do BNG convencido de que un modelo de crecimento sostíbel é posíbel se hai vontade política, amor ao País e ao territorio.

Jorquera, nunha rolda de prensa logo de se reunir con representantes das principais asociacións ecoloxistas do País, asinantes do “Programa pola terra 2012”, reivindicou o medio ambiente como sinal de identidade, “pero ao PP non lle preocupa, porque o PP, se ten que escoller entre negocio e Medio Ambiente escolle negocio”.

O candidato nacionalista salientou a coincidencia entre as propostas presentadas polos representantes das asociacións ecoloxistas e o programa do BNG e explicou que do mesmo xeito que pedimos “gobernar nós a nosa terra, como di o noso lema, reclamamos tamén gobernar nós o noso territorio”.

Para Jorquera, conciliar a modernización e o desenvolvemento económico co respecto polo medio é imprescindíbel para un crecimento sostíbel e lembrou que poñer en práctica políticas de protección do medio ambiente significa tamén protexer a saúde.

Programa do BNG

O candidato do BNG desgranou algunhas das propostas do programa nacionalista nesta materia salientando o impulso dun Plan Galego de Xestión de Residuos que teña como base a reutilización e a reciclaxe e implique incineración cero.

Asemade, comprometeuse ao traballar polo saneamento integral e xestión das augas, de tal xeito que se declaren os ríos totalmente libres de futuros aproveitamentos hidroeléctricos e se paralicen os novos encoros.

Jorquera concluiu pondo enriba da mesa o traballo que fará o BNG, “que continuará facendo”, para impulsar o traslado de Ence-Elnosa fóra da ría de Pontevedra; ampliar a Rede Natura; declarar o Monte Pindo como parque natural e impulsar unha lexislación que prohíba as touradas en Galiza.

 

http://youtu.be/2V9sOjMMpC0