Jorquera: O PP quere facer unha reforma da Lei electoral a súa medida para conservar a maioría
Na orde do día do vindeiro pleno no que será debatida a reforma electoral para reducir de 75 a 61 os escanos do arco parlamentar, o PP tampouco aceptou que comparecera a conselleira de Sanidade para explicar o ascenso do seu marido e propoñendo no seu lugar, unha comparecencia do conselleiro de Ordenación do Territorio, Agustín Hernández para falar de seguridade viaria
Tras a xunta de portavoces, o portavoz do Grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera criticou que o Partido popular introducira no vindeiro pleno da Cámara galega unha proposta de reforma da lei electoral para reducir de 75 escanos a 61 o novo arco parlamentario.O nacionalista denunciou a intención do Partido popular de quere facer unha lei electoral a súa medida porque a día de hoxe, o PP sabe que ten perdida a súa maioría.
Jorquera lamentou que o PP non accedera ao diálogo proposto polo BNG para chegar a acordos encamiñados a mellorar a participación democrática pero o Partido popular persiste na súa actitude de violar unha norma que establece que as regras de xogo non deben ser nunca modificadas a instancias de parte.
O PP defende a austeridade para reducir escanos pero cobra en sobres B
No vindeiro pleno, dixo, haberá dúas propostas, a do PP consistente en recortar en democracia e autogoberno seguindo a senda da Sra. Cospedal que retirou a remuneración d@s deputad@s de Castela-A Mancha mentres ela cobraba tres salarios sen incluír os sobres en B de Bárcenas e a da oposición que rexeitamos o argumento falso do aforro como coartada. Todos os grupos da oposición xa propuxemos recortar o gasto do Parlamento de maneira equivalente á cantidade que suporía a redución de escanos, explicou.
Jorquera insistiu en que o argumento do aforro do PP colide co reforzo das deputacións provinciais, ministerios innecesarios ou a pervivencia de institucións inservíbeis como o Senado e os delegados do Goberno, o PP, reiterou, quere unha reforma electoral a súa medida e acorde cos seus intereses para reter a maioría absoluta que ten perdida.
O BNG pedirá na vindeira sesión plenaria que Feijóo cese de inmediato a conselleira de Sanidade
Por outra banda, Jorquera tamén anunciou que a pregunta do BNG ao Presidente xirará en torno as explicación do propio Núñez Feijóo sobre o escándalo que envolve á conselleira de Sanidade, Rocio Mosquera que posibilitou o ascenso do seu marido á xefatura de cirurxía dixestiva no período no que a actual titular de Sanidade era Xerente do CHUS.
Neste sentido, o nacionalista aludiu a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra o nomeamento do marido da conselleira por desvío de poder. Pola súa parte, lembrou Jorquera, o Presidente da Xunta manifestou que era un tema interno do Hospital, Feijóo toma por tontos aos galegos, afirmou o nacionalista.
Neste sentido, criticou a negativa do PP a que comparecera a titular de Sanidade propoñendo no seu lugar ao conselleiro de Ordenación do Territorio, Agustín Hernandez para falar de seguridade viaria, co que está caendo, dixo Jorquera o PP pretende que falemos de seguridade vial.
O BNG tamén pedirá ao Presidente que cese a todos os cargos do Partido popular imputados na Operación Pokemon.
Finalmente, na vindeira sesión plenaria e á iniciativa do grupo parlamentario nacionalista serán debatidas entre outras cuestións: a privatización dos servizos sanitarios, a contrarreforma da Lei do Aborto, medidas para combater a pobreza enerxética e alternativas para impedir os desafiuzamentos.