Jorquera: "O PP non permite que Núñez Feijoo fale de corrupción no Parlamento"
O nacionalista afirmou que Feijoo foxe de dar explicacións despois de manifestar na Cámara que perseguiría aos cargos do Partido popular que utilicen a política para lucrarse
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación, trala Xunta de Portavoces para dar conta dos asuntos que serán tratados na vindeira sesión plenaria.
Feijoo foxe de dar explicacións sobre a corrupción
O PP impón a súa maioría parlamentaria e impide que Núñez Feijoo compareza na Cámara para explicar os casos de corrupción, desta maneira explicou Jorquera a negativa do Partido popular para que o Presidente da Xunta explique os casos de corrupción e o seu impacto na economía e na sociedade.
Feijoo debe dar explicacións na Cámara representativa dos cidadáns de Galiza ante o clima de alarma e indignación e non responder, como fai o Partido popular, con desculpas de mal pagador.
O portavoz parlamentario indicou que dende o mes de xullo do ano 2010, o Presidente da Cámara non comparece na Cámara, agás nas comparecencias regradas. Nas cuestións de corrupción, dixo, caracterizase por non dicir unha mala palabra nin ter unha boa obra, limítase, a frases rimbombantes e titulares de prensa para venderse como opción no escenario sucesorio de Rajoy.
Jorquera tamén se referiu á última sesión de control na que Feijoo manifestou que perseguiría ata o final a calquera cargo do Partido popular que utilice a política para lucrarse e preguntou como vai cumprir o Presidente da Xunta este compromiso.
Neste sentido, considerou que Núñez Feijoo como Presidente do Partido popular en Galiza debe esixir a dimisión dos cargos imputados por presuntos casos de corrupción, aclarar o diñeiro en negro entregado polo PPdeG segundo á contabilidade de Bárcenas, non inhibirse ante a situación do concello de Santiago porque a Xunta de Galiza, pode iniciar os trámites da convocatoria de eleccións e cesar ao delegado da Xunta en Ourense.
Comisión de investigación das Caixas de aforro e Estudo para a erradicación da corrupción
O Grupo parlamentario do BNG cursou escrito á Mesa do Parlamento para que a comisión de investigación sobre as caixas de Aforro e o Estudo para erradicar a corrupción inicien os seus traballos, sen embargo, Francisco Jorquera amosou, no seu nome e no do BNG, certo escepticismo sobre a actitude do PP sobre o carácter destas comisións. O deputado lembrou o vello dito de se non queres abordar un problema crea unha comisión de investigación e engadiu que na pasada lexislatura, foi o Partido popular o que vetou en dúas ocasións investigar o acontecido coas caixas.
Entre outros asuntos, destacou os veto do Partido popular á petición dos tres grupos parlamentares, BNG, AGE e PSdeG para crear a comisión de seguimento da arbitraxe das participacións preferentes e a solicitude de comparecencia do Conselleiro de Industria para explicar o carácter industrial de proxecto estratéxico á mina de Corcoesto, o PP tamén rexeitou substanciar esta comparecencia.
Traslado de Ence da ría de Pontevedra
Á iniciativa do BNG, o traslado de Ence da Ría de Pontevedra, a situación do servizo de Urxencias do Centro hospitalario de A Coruña, medidas contra os recortes da flota de baixura e a paralización da Cidade da Cultura serán cuestións a tratar no próximo pleno.