Jorquera: "O PP impide que a oposición investigue ás Caixas"
O portavoz do BNG afirma que a intención do Partido popular é poñer obstáculos á Comisión de Investigación das Caixas para impedir a súa repercusión social
Santiago de Compostela, 17 de xuño, 2013. O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera volveu hoxe a arremeter contra o que considera unha estratexia do Partido popular para que a oposición non poda investigar o proceso das Caixas de Aforro galegas.
Non só se declaran reservados boa parte dos documentos, senón que ademais, afirmou, a efectos prácticos, este carácter reservado afecta ao conxunto da documentación, incluída aquela que non foi declarada con carácter confidencial.
O PP obstaculiza o desenvolvemento da comisión de investigación das Caixas galegas
Jorquera indicou que o argumento peregrino de que non é posible habilitar dúas salas, unha cos documentos de carácter reservado e outra con documentación non confidencial, e impedir o acceso dos asesores dos grupos parlamentarios á documentación, constata esta estratexia do Partido popular.
O nacionalista lembrou que o proceder do Partido popular vai mesmo en contra do aprobado na comisión e criticou que todas as comparecencias dos directivos de Caixa Nova e Caixa Galiza se concentren o mesmo día, sete días despois, explicou, de poñer a disposición a documentación,ao seu xuízo, esta é unha nova mostra de que o Partido popular dificulta a investigación.
O BNG estará presente nas comparecencias para interpelar aos antigos directivos das caixas pero a decisión final sobre a nosa vinculación á Comisión,dixo, dependera de que o Partido popular continúe coa súa estratexia obstrucionista ou ben a comisión poida desenvolver con normalidade o seu traballo.
O portavoz do BNG no Parlamento realizou estas declaracións no transcurso da rolda de prensa xunto a deputada Montse Prado para presentar diversas iniciativas relativas á situación dos centros de atención a drogodependentes en Galiza.
O BNG denuncia a "dramática situación" dos centros de asistencia á drogodependencia
Pola súa parte a portavoz de sanidade nacionalista asegurou que moitos destes centros están ameazados de peche por falta de recursos e lembrou que a día de hoxe, aínda non foron publicadas as axudas prometidas pola Xunta para estes colectivos.
As políticas "austericidas" do Goberno do PP, dixo, buscan una "privatización escalonada" dos servizos para convertelos despois en negocio. Dende o BNG, manifestou, reclamamos que os servizos de prevención e atención á drogodependencia sexan integrados, a medio prazo, na rede sanitaria do SERGAS.
Prado lamentou o desmantelamento dos servizos de atención a drogodependentes que prestan os concellos e entidades sen ánimo de lucro e advertiu que de non producirse un cambio de rumbo nas políticas do PP, estes centros están condenados a desaparecer como acontece con Asfedro en Ferrol ou Alborada en Vigo.
A deputada alertou que se os centros son pechados pechados, a primeira consecuencia será a aparición de graves problemas de exclusión social e como xa aconteceu nos anos 80, co narcotráfico e o consumo, será a sociedade a que se faga novamente cargo desta situación.
Subvencións prometidas por Sanidade aínda sen publicar
A parlamentaria do BNG explicou que o pasado mes de Marzo o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda e a conselleira de Sanidade Rocío Mosquera mantiveron diversos encontros con colectivos de loita contra a droga co fin de estipular as subvencións, curiosamente, dixo, tras a publicación das fotos de Núñez Feijoo co narcotraficante Marcial Dorado.
Naquel momento, engadiu foi anunciada unha orde de axudas de 800.000 euros para os colectivos, sen embargo, "estamos a piques de rematar xuño e as subvencións non foron publicadas, concluíu.