Jorquera: "O PP anula o Parlamento para evitar que Feijóo dea a cara"
Francisco Jorquera anuncia que o BNG pedirá , hoxe mesmo, ao resto dos grupos da oposición que asinen, conxuntamente co BNG, unha solicitude de pleno extraordinario para que compareza Feijóo e explique que medidas vai adoptar sobre os incendios e o Sector lácteo.
O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación, xunto a deputada e portavoz de Montes, Tereixa Paz para anunciar que o BNG pedirá , hoxe mesmo, ao resto dos grupos da oposición asinar unha solicitude de convocatoria dun pleno extraordinario sobre os incendios e a situación do sector lácteo galego.
O nacionalista reprobou o acontecido onte na Deputación permanente que ademais cualificou de inaudito por ter celebrado a reunión o ultimo día de agosto sen posibilidade material para convocar un pleno extraordinario como tiñan solicitado varios grupos da oposición e sumou o seu malestar ao calendario aprobado para o mes de setembro cun pleno nos días 15 e 16 porque rompe a norma de que o primeiro pleno ordinario do curso parlamentario se celebre na segunda semana de setembro.
O país ardendo, o sector lácteo en pé e o Parlamento ausente
Por outra parte, engadiu, vénse de aprobar de cara á galería unha reforma do regulamento que amplía o período de sesións e agora resulta, que o pleno non se vai celebrar ata a segunda quincena de setembro, mes e medio despois da anterior sesión plenaria.
A consecuencia, recalcou é que o País está ardendo. Só o incendio de Cualedro queimou mais Hectáreas que os incendios do ano 2014 e o noso campo está en pé ante a situación límite do sector lácteo mentres o Parlamento continúa ausente.
O PP anula o Parlamento galego para evitar que o Sr. Feijóo dea a cara e para encubrir o fracaso manifesto das súas políticas. É certo que hai incendiarios e políticas neglixentes, explicou o nacionalista, pero tamén hai políticas incendiarias que incentivan o abandono do campo e a prevención ao que hai que engadir a privatización do dispositivo contra incendios. Estas son as causas que explican que os lumes en Galiza sexa un problema estrutural, remarcou o deputado.
Sobre o sector leiteiro, explicou que o Goberno galego apela a que é ilegal fixar un prezo mínimo do leite en orixe pero tamén é ilegal que as grandes superficies utilicen o leite como produto reclamo ou que as industrias concerten prezos e denunciou que tanto o Goberno galego como o central seguen instalados na inacción total e absoluta.
Algo faia no dispositivo contra os incendios forestais
Pola súa parte, a deputada Tereixa Paz considerou que a única maneira de facer un debate serio sobre os incendios forestais e facelo nun pleno con datos obxectivos para formular propostas encamiñadas a resolver a situación.
O Goberno da Xunta non pode seguir mantendo que estamos ante un problema de orde pública e incendiarios, existen situacións estruturais vinculadas co abandono e unha política forestal que cubre as necesidades de eucaliptos dunha soa empresa en Galiza pero non está orientada a crear riqueza nin a diversificar a produción forestal.
En tan só 6 incendios forestais na fin de semana e contando con todo o dispositivo ao completo, e que nos custará máis cartos que en anteriores ocasións, produciuse un dos días máis aciagos coa superficie queimada de 3.000 ha nun incendio e máis de 1.000 nos restantes na provincia de Ourense.
Algo faia no dispositivo, dixo a deputada facéndose eco das denuncias dos propios traballadores. Hai polo tanto elementos suficientes para que se debata este problema no Parlamento
Galiza, País Low Cost do leite
A parlamentaria explicou que nun paquete lácteo na que só lle impoñen obrigas aos gandeiros pero non á industria e a distribución ia resultar inútil para vertebrar o sector.
Galiza é a comunidade de toda a Comunidade europea onde se vende o leite máis barato con 7 céntimos menos que no resto do Estado español e sen embargo, as industrias seguen ameazando con deixar de recoller leite. É pintoresco que a industria recolla leite en comunicades con pouca produción como Estremadura, Andalucía ou Castela a Mancha e reduzan a recollida en Galiza.
Este proceder, dixo, responde á intención das industrias de converter a Galiza no low Cost da produción láctea do Estado e a Unión Europea.
A deputada concluíu recomendando á conselleira de Medio rural buscar alianzas con aqueles países, como Francia, que están dispostos a desafiar esas normas inxustas en contra dos intereses dos gandeiros para que poidan percibir prezos xustos polo leite.