Jorquera pide a Feijóo que se preocupe máis polas persoas e menos polas empresas eléctricas
O deputado lembrou que 445.000 persoas xa non poden pagar o subministro eléctrico en Galiza e pediu incluír na Lei de Defensa das persoas consumidoras a definición de consumidor enerxético vulnerábel
Pleno.- O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera pediu hoxe ao Presidente da Xunta colocarse ao lado das persoas porque máis de 187.000 fogares galegos teñen serias dificultades para pagar as súas facturas enerxéticas.
O deputado pediu incluír na Lei de Defensa dos dereitos das persoas consumidoras a definición de consumidor enerxético vulnerábel prohibindo os cortes de enerxía ás familias en situación de pobreza como xa está a facer Catalunya e asumindo a Xunta o cargo do pago.
Na pregunta ao presidente, o nacionalista lembrou que en Galiza a taxa da pobreza enerxética é superior á media estatal polo que preguntou qué vai facer o Goberno galego para resolver esta situación porque son 445.000 persoas as non poden pagar os recibos da luz e gas, recalcou.
Jorquera censurou que Núñez Feijóo non repare nos datos da enquisa conxuntural de fogares do Instituto Galego de Estatística que confirma as dificultades para chegar a fin de máis dun 1.666.000 persoas e 135.000 con retrasos nos pagos dos recibos, son persoas, Sr. Feijóo, non son números das compañías eléctricas.
O parlamentario cualificou de indecente que mentres existen persoas que non poden pagar os recibos, as eléctricas recollen máis de 7.000 millón de euros en beneficios.
A xente non pode pagar a calefacción e utiliza estufas de leña ou braseiros producíndose nos últimos tempos no Estado varios accidentes coa perda de vidas humanas como denuncian os propios corpos de bombeiros, en Galiza, engadiu, hai persoas que tamén recorren a estes medios, a pesar do risco que implican.
O parlamentario do BNG lembrou que o Partido popular votou en contra de todas as iniciativas nacionalistas para combater a pobreza enerxética mentres vostedes, dixo, só propuñan un estudo para lavarse ás mans, pasar a pelota e eludir responsabilidades.
Galiza, País excedente en produción eléctrica onde moita xente non pode pagar a luz
O portavoz do grupo parlamentario do BNG considerou un paradoxo que sendo Galiza un país excedentario na produción de electricidade podan darse situacións tan chamativas como a dos veciños/as que vivindo preto dunha torre de alta tensión non poden pagar o recibo da luz. Porqué non defende vostede unha tarifa eléctrica galega preguntou.
Temos auga, vento, sol e un potencial enorme para desenvolver as enerxías renovábeis, que favorecen o autoconsumo remarcou, e sen embargo, o Partido popular segue penalizándonos para favorecer ás grandes empresas eléctricas, póñase ao lado das persoas e non das eléctricas, concluíu.