Jorquera: "Os Orzamentos do PP non están feitos para sair da crise e crear emprego"
O nacionalista acusou ao Partido popular de apostar por unha política de aparencias e propaganda que acentúa a desigualdade, pobreza e ruína de Galiza e censurou que só unha das 1.296 emendas presentadas pola oposición fora aceptada polo grupo maioritario
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera lamentou hoxe que novamente a apisonadora do Partido popular impedira que prosperara algunhas das emendas nacionalistas e afirmou que as contas da Xunta para o 2015, acentuarán a pobreza social e ruína de Galiza. O deputado afirmou que os orzamentos do PP non permitirán crear emprego nin saír da crise económica.
Das 1.296 emendas presentadas pola oposición, o Partido popular só aceptou unha e de maneira transacionada, o desprezo do PP polo debate parlamentario, dixo Jorquera, hoxe quedou unha vez máis de manifesto.
Na súa intervención, advertiu que somos un país cunha economía atrasada e dependente con gran necesidade de investimento público, sen embargo, os orzamentos da Xunta non apostan por ese investimento como elemento tractor para crear emprego, rematar coa devaluación salarial e impulsar o desenvolvemento económico.
O PP non presenta medidas para reactivar a economía
O Goberno segue apostando por unha estratexia que acentúa o empobrecemento da nosa sociedade, dificultando a recuperación do tecido económico de Pemes e Microempresas necesitadas da reactivación do consumo e recuperación real.
Para o deputado, o Partido popular continúa con políticas de aparencias e propaganda e desoíndo as recomendacións da oposición no Parlamento galego. Os orzamentos do Partido popular saen adiante na Cámara galega sen aceptar ningunha das emendas presentadas polo resto dos grupo parlamentarios, agás unha referida as quendas de descanso e xornadas laborais das Brigadas de loita contra os incendios forestais
Orzamentos antisociais
O nacionalista mostrouse especialmente crítico cos recursos destinados a financiar a sanidade e o ensino dos que dixo, só medran un 0,3% e 0,1% e explicou que dende o ano 2009 os recortes situáronse en sanidade no 9,51%, Educación, 14,82, promoción de emprego 54,13% e vivenda 80,38.
Jorquera sumou a estes recortes o acumulado en Cultura, 59,07 e en Normalización Lingüística o 69%, unha verdadeira liquidación da nosa Cultura e do noso idioma, afirmou.
Reparto inxusto do esforzo Fiscal
Nesta materia afirmou que os orzamentos non apuntan ningunha medida que reforce a progresividade e equidade do sistema fiscal e constatan o esgotamento do financiamento autonómico sen que o Goberno galego amose a mínima intención de revisalo.
O PP despreza o diálogo coa oposición
Para Jorquera a tramitación parlamentar dos orzamentos, durante dos meses, evidencia a arrogancia e falta de respecto do Partido popular cos grupos parlamentarios despois de presentar 1.296 emendas só aceptou transaccionar unha. Esa é a extraordinaria capacidade de dialogo que ten o PP, criticou.
Máis aparencias e propaganda do Partido popular
Ademais, o portavoz nacionalista censurou que sen agardar pola aprobación das contas para o 2015, o Goberno galego anunciara unha Lei de Emprego Público para suprimir definitivamente o Plus dos altos cargos cando o devandito plus, explicou foi aprobado grazas a unha emenda do propio Partido popular impedindo as emendas da oposición que reclamaba a súa supresión definitiva.
Por outra parte, tamén se referiu a lei pola que os empregados públicos recuperan en 2018 os complementos que percibían nas pagas extras pero, dixo, o PP mantén os recortes que fixeron que este colectivo perdera nos últimos anos o 23% do seu salario real.
Política de aparencias, simulación e substitución da realidade por propaganda, recalcou, algo ao que xa nos ten acostumad@s o Partido popular e anunciou que o BNG votaría en contra do capitulo 2 referido a gastos e ingresos.
Finalmente os Orzamentos da Xunta foron aprobados polo PP en solitario.