Jorquera: O mal chamado Goberno galego leva a Galiza á Terceira recesión
O BNG pide a devolución dos Orzamentos para o 2015 por continuístas, inxustos e antisociais .Non consolidan o xiro económico e non recuperan o emprego
No debate do Proxecto de lei de Orzamentos para o 2015, o portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera pediu a devolución dos orzamentos defendidos pola conselleira de Facenda, Elena Muñoz e advertiu que a estratexia do mal chamado Goberno galego é un fracaso.
Jorquera que alertou dunha terceira recesión en Galiza, asegurou que as contas non consolidan o xiro económico nin recuperan emprego. A consecuencia deste continuísmo,dixo, é prolongar o desastre económico e social cunha estratexia errada e ruinosa para Galiza.
O nacionalista sinalou que un cuarto de millón de parados/as, 650.000 persoas en risco de exclusión social, deserto económico e poboacional caída da produción industrial ademais doutras situacións precarias non merecen previsións ficticias e estimacións non cribles, xa desmentidas pola realidade.
Anuncian unha boa nova para o 2015, o medre do PIB no 2% equiparándoo as previsións máis optimistas para o conxunto do Estado español, sen embargo a U.E acaba de rebaixar esa previsión do 2 ao 1,7% e vostedes, xa tiveron que modificar á baixa as previsións do ano 2014 situándoas por debaixo da media estatal.
Ademais, sabemos que o índice da produción industrial en Galiza leva seis meses en negativo provocado polo descenso das exportacións. O Goberno, explicou, intentou buscar competitividade producindo máis barato e rebaixando os salarios. Para o BNG, sentenciou, esta estratexia é un fracaso e contraria o cambio de modelo produtivo.
Estratexia ruinosa para Galiza
Xa tiñamos os salarios máis baixos e dos que teñen traballo, un 45% non chega a mileurista, 300.000 persoas cobran por debaixo do salario mínimo, e sen embargo vostedes parecen ignorar esta realidade ao presentar con gran optimismo, unhas previsións ficticias e fiando a recuperación ás exportacións sen reactivar a demanda.
Pronostican un descenso do paro en 1,6 puntos de taxa pero dende que gobernan, o paro incrementouse en 100.000 persoas e prevén unha redución da poboación activa do 1% nun país cos taxas de actividade más baixas de todo o Estado e Europa.
Galiza cerca da Terceira recesión
Vostedes, insistiu Jorquera, aceptaron a estratexia suicida para Galiza de Merkel e Rajoy e teñen a ousadía, de seguir apelando ao rigor para defender as súas políticas orzamentarias, rigor mortis é o que queren para Galiza.
Parafraseando a Einstein, Jorquera lembrou que loucura é repetir, unha e outra vez o mesmo e agardar resultados diferentes e nesa mesma liña situou os orzamentos da Xunta para o 2015 e as recomendacións da U.E que ante o freado das expectativas de recuperación pretenden aplicar máis recortes.
Escusa da crise para enriquecer a depredadores privados
O parlamentario censurou o desmantelamento dos servizos públicos co fin de enriquecer a unha minoría e abrir nichos de negocio para depredadores privados.
Jorquera negou que os orzamentos contemplen máis investimento, por primeira vez dende o 2009, e remarcou que a colaboración público privada elevase a máis de 56 millóns de euros e remarcou o medre máis significativo en Vicepresidencia con 34 millóns de euros.
Ningún deseño para mudar o tecido produtivo nin para xerar emprego. O sector industrial derrubase e as empresas galegas asfixiadas pola falta de financiación mentres consolidan ao IGAPE como un instrumento inútil, iso é o que nos propoñen.
Por outra parte, fixo fincapé na difícil situación do comercio galego con 17.000 locais pechados e un recorte do 13,66%, así como un campo galego camiño da desertización e unha pesca camiño do desgüace.
Incrementase o número de persoas en situación de pobreza e exclusión social
Que se teña incrementado a dotación da RISGA indica que a situación de emerxencia social é froito das súas políticas, recriminou Jorquera ao Goberno do PP.
Dende o ano 2009, o recorte en Sanidade foi do 9,51%, en Educación, 14,82%, en promoción de emprego o 54,13% e en vivenda, 80,38%, por moito que nestes orzamentos se incrementes dotacións para estas partidas.
Orzamentos que liquidan a Cultura e o noso idioma
Neste sentido, o deputado volveu negar que non existan cartos para a cultura e lingua galega tendo en conta que o Goberno destina á Fundación Camilo José Cela case a mesma cantidade que ao Museo do Pobo Galego, a pesar dos continuos escándalos que a salpican.
Para Normalización Lingüística, o recorte ascende o 4,8% e as políticas de cooperación e desenvolvemento son liquidadas. Crecen os gastos de altos cargos e delegados nun 1,5% así como en persoal de gabinete nun 2%, así é como vostedes reparten os fondos públicos.
O portavoz do BNG no Parlamento galego incidiu no inxusto reparto fiscal que na súa opinión, revela a submisión da Xunta ao Goberno de Madrid. Non hai ningunha medida, dixo,que reforce a progresividade do sistema fiscal aínda que vostedes poderían reformar o IRPF incrementando as rendas superiores a 100.000, pero non queren. Tampouco queren gravar cun imposto ás grandes superficies comerciais nin sobre os depósitos bancarios. Seguen apostando por un sistema que non asegura a nosa autonomía e suficiencia financeira.
Finalmente, recalcou que son uns orzamentos antisociais, inxustos e ficticios polo que pediu a súa devolución.