Jorquera leva á Cámara os problemas reais do País fronte a Galiza virtual de Feijóo

Jorquera interpela a Feijóo

O portavoz nacionalista censurou a “realidade virtual” de Feijóo que contrasta coa ruína “real” dos sectores produtivos galegos e a taxa de desemprego

DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN.- O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera criticou o “discurso centralista” de Feijóo e o seu afán por defender “a unidade de España” no Debate de Política xeral que hoxe principio na Cámara galega.

Tras a primeira intervención do presidente da Xunta, Francisco Jorquera asegurou ante os medios de comunicación que “só lle faltou anunciar unha lei de felicidade para todos e todas as galegas” ao describir unha “realidade virtual” e non a realidade dos graves problemas sobre desemprego e desmantelamento dos sistemas produtivos galegos.

DEBATE DO ESTADO DA NACIÓN 

As políticas do PP desangran Galiza

O portavoz do Grupo parlamentario do BNG principiou a súa interención no debate cun poema de Rosalía de Castro alusivo á emigración e nos últimos anos, afirmou o nacionalista, máis de 60.000 mozos e mozas tiveron que emigrar aínda que vostede prefira dicir, como Fátima Báñez,que optaron pola “mobilidade exterior”.

Segundo o INE, Galiza perderá 130.000 habitantes nos vindeiros dez anos e só cada catro persoas estarán en idade de traballar.

A realidade que Feijóo quere ocultar

En Galiza as persoas ocupadas representan a metade da poboación, máis de 90.000 familias teñen a todos os seus membros no paro e segundo Cáritas, 650.000 persoas viven en situación de pobreza, “esa é a súa sensibilidade”.

Vostede, dixo entende a política como “marketing, aparencia” e practicando o vello dito de que “a realidade non che estrague un bo titular”.

Dignificar a Política

O primeiro que ten que facer, sinalou Jorquera, é explicar a súa relación cun narcotraficante e a implicación do Partido popular de Galiza nas tramas de corrupción, para vostede, a política é colocar un titular e que lle saquen unha boa foto e por iso hoxe veu co titular de que Galiza “fixo os deberes mellor que ninguén”.

Jorquera acusou a Feijóo de ser o “campión do austericidio a costa de empobrecer á xente e arruinar a Galiza”.

Saqueo contra os emigrantes retornados, repago nos comedores escolares e nos medicamentos

Coincidindo co Debate do Estado da Nación, un numeroso grupo de emigrantes galegos retornados manifestábanse nas inmediacións do Parlamento contra as multas impostas pola Axencia tributaria por non ter declarado as pensións no estranxeiro, a pesar de ser informados de que eses ingresos non tributaban, “ese é o pago que agora lle da vostede” dixo Jorquera ao Presidente da Xunta.

Establece o repago nos comedores escolares, no transporte sanitario, nos medicamentos mentres dilapida recursos públicos para que se “forren as concesionarias das autovías ou do novo Hospital de Vigo” con máis de 3.000 millóns de euros comprometidos en colaboración público-privada ata 2039.

Só pola autovía da Costa da Morte, engadiu, haberá que pagar 751 millóns de euros cando o custe da obra non chega ao 200.

Feijóo anuncia diminuir o tramo autonómico do IRPF

O parlamentario do BNG retou ao Presidente da Xunta a facer números e dicir canto representa a diminución do tramo do IRPF naquelas persoas con ingresos inferiores a 17.000 euros como anunciou Feijóo na súa intervención, “quizais despois de facer as contas serán 7 euros ao mes, chocolate del loro” fronte as rendas máis altas sobre as que vostede non quere operar.

Neste sentido, lembrou que o BNG propuxo un esforzo fiscal para as rendas máis altas, un imposto ás grandes superficies comerciais e un imposto sobre os depósitos fiscais e a todo “dixeron que non”.

A Submisión económica de Galiza

Jorquera tamén se referiu a financiación de Galiza acusando ao Partido popular de asinar unha reforma do sistema de financiación autonómica que provocou a perda de máis de mil millóns de euros e preguntou se de novo será reaberto o debate sobre este modelo porque o BNG ten a súa proposta, “o concerto económico”.

“Autonomía fiscal plena para que Galiza recade e xestione todos os seus impostos polos que tributan os cidadáns e as empresas radicadas no noso país”.

Jorquera preguntou a Feijóo se reclamará o imposto de sociedades para incorporalo á nosa cesta de tributos como xa aconteceu en Euskadi para que empresas como: Inditex, Citroën, Unión Fenosa… “ “tributan aquí e non en Madrid”.

Chamamento de Feijóo ao dialogo

O nacionalista criticou que agora Feijóo faga un chamamento “ao dialogo” cando despois de ter aprobado por unanimidade un plan xeral de normalización lingüística froito do consenso, o Partido popular “traizoou ese acordo cun decreto lingüicida”.

Jorquera dixo que se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma parafraseando a Castelo e atacar ao galego é a atacar a nosa identidade e raíces.

O parlamentario tamén se referiu aos acordos, “froito do dialogo”, para defender o sector naval e preguntou que xestións fixo o presidente da Xunta para levantar o veto a Fene, as restricións a Navantia, crear os centros de reparacións en Ferrol e Vigo ou o dique flotante.

O único que fixo, explicou foi votar pola mañá a favor do dique en Galiza e en contra pola tarde en Madrid, “vostede non é críbel”, e agora volve a mentir ao vendernos como un éxito que os estaleiros galegos estean entre os once seleccionados no concurso de PEMEX.

E continuou mentindo, engadiu, cando no Parlamento galego foi aprobado non aplicar unha quita aos estafados polas preferentes e logo o PP no Congreso votou a favor.

Vostede, aceita que Novacaixagalicia Banco sexa vendida sen asegurar que se lle devolva o diñeiro aos miles de estafados actuando como cómplice para que se espolie o noso aforro.

Novacaixagalicia Banco a prezo de saldo

Cando vostede chegou á Xunta, Galiza tiña dúas caixas e tres bancos, agora estamos ás portas de quedar sen ningún, está agardando a decisión final, esa é a súa posición ante a venda de Novacaixagalicia Banco.

O deputado reprobou a inxección de 9.000 millóns de euros de fondos públicos para o saneamento de Novacaixagalicia Banco aos que sumou os 600 millóns roubados coas preferentes, “socializar perdas para privatizar beneficios, iso é o que se vai facer", sentenciou.

 O Goberno galego pode exercer a “Insubmisión”

Nesta liña, Jorquera acusou a Feijóo de preferir a “submisión” aínda que sexa a costa de someter ao País, podía recorrer a lei de costas por invadir as nosas competencias pero prefire que “ENCE siga contaminando a ría de Pontevedra” reprochou o nacionalista.

Podía recorrer ante o Tribunal Constitucional o Copago farmacéutico pero prefire obedecer a Rajoy a defender aos nosos enfermos, podía recorrer á liberalización de horarios comerciais pero prefire a ruína do noso comercio.

Marco político esgotado, Galiza soberana

O marco político actual “está esgotado”, non da máis de si, porque non serve para resolver os problemas dos e das galegas e hai que supéralo, manifestou o parlamentario.

“Temos que ir cara un cambio de réxime co centro de gravidade en Galiza”. Fronte o tópico de que nun contexto de crise, explicou, non toca falar de autogoberno, de dereito a decidir e de soberanía, temos claro que o mellor contrapeso ás brutais desigualdades é fortalecer “os espazos de libre decisión dos pobos”.

Para tirar proveito das nosas capacidades afirmou precisamos “unha banca pública galega, unha política industrial que aposte polo país, apoio ao sector agrogandeiro, pór en valor os nosos recursos naturais”.

“Se non tes soberanía, se non tes un poder político propio, non pintas nada, outros deciden por ti”, espetoulle Jorquera a Feijóo.

Tarifa eléctrica galega

Jorquera aludiu a tarifa eléctrica fixada polo Goberno central para todo o Estado o que impide que Galiza poida extraer beneficio da produción de electricidade e non foi o BNG, foi o conservador Víctor Moro o que falou do “espolio enerxético de Galiza” cál é hoxe a realidade preguntou Jorquera?.

O sector eólico que estaba na vangarda con grande capacidade de crear emprego e aportar valor engadido á actividade económica “está parado” por decisións erráticas dos gobernos central e galego.

Galiza unha mina para o PP

Francisco Jorquera censurou que o Presidente da Xunta cometese o atrevemento de “colgarse a medalla da mina de Corcoesto” ao confirmar que a Xunta non aprobará o proxecto, a medalla, dixo, o nacionalista, correspóndelle a todos e todas aqueles que loitaron para evitar esa barbaridade e conseguiron que a Xunta rectificara.

Nós non somos separatistas.Vós sodes os separadores

Francisco Jorquera finalizou a súa intervención cunha cita de Castelao na que o político e escritor galego afirmaba: “…NÓS COMPRENDEMOS QUE A UN GALEGO, A UN BASCO OU A UN CATALÁN QUE NON QUEIRA SER ESPAÑOL SE LLE CHAME SEPARATISTA;

PERO EU PREGUNTO, CÓMO DEBE CHARMARSE A UN GALEGO QUE NON QUEIRA SER GALEGO, A UN BASCO QUE NON QUEIRA SER BASCO, A UN CATALÁN QUE NON QUEIRA SER CATALÁN.

ESTOU SEGURO DE QUE EN CASTELA A ESTES COMPATRIOTAS OS CHAMARIAN “BÓS ESPAÑOIS”, “MODELO DE PATRIOTAS”.

CANDO EN REALIDADE SON TRAIDORES A SI MESMOS E Á TERRA QUE LLES DEU O SER.

¡ ESTES SÍ QUE SON SEPARATISTAS”.

Sr. FEIJÓO, dixo Jorquera, rectifique e non sexa traidor a si mesmo nin a terra que lle deu o ser.