Jorquera: "O legado de Feijóo será poñer a Sede social de Galiza en Madrid"
O portavoz do BNG no Parlamento acusou a Feijóo de manter a boca calada e pregarse ás decisións do Goberno de Rajoy contrarias aos intereses dos sectores produtivos galegos
Pleno.-Para o portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, Feijóo converteu o Goberno galego en correa de transmisión do Goberno de Rajoy e acusouno de non conseguir unha soa competencia nin exercer as que tiña. O seu legado é poñer a Sede Social de Galiza en Madrid.
Tras darlle a benvida en catalán, Jorquera lembrou que na última sesión de control o presidente non respondeu ás preguntas sobre o sector leiteiro porque preferiu falar de Catalunya, resposta, sorprendente pola súa repentina inmersión Lingüística no catalán, ironizou o deputado.Pero sobre todo, sorprendeume que nos últimos tempo lembrara o espírito da aldraxe cando afirmou que de reformarse a Constitución para ampliar os dereitos de Catalunya, Galiza volvería facerse ouvir, en fin, que vostede só vai defender a Galiza cando outros defendan os seus dereitos, un espectador do que outros propoñan.
O Goberno galego correa de transmisión do Goberno Rajoy
O Goberno galego é submiso con Madrid e acabámolo de ver co leite. Temos competencias exclusivas en agricultura pero vostede dixo amén ao que decidiu Madrid. Neste sentido, explicou que o decreto publicado onte establece que os gandeiros galegos para cobrar os 300 euros de axudas deben cobrar 0,24 céntimos o litro de leite mentres que os andaluces o cobrarán 0,31 céntimos e preguntou se non considera que Galiza é novamente discriminada, cuestión á que Feijóo non respondeu.
O parlamentario do BNG volveu a acusar a Núñez Feijoo de usar as institucións de autogoberno para o fin contrario polo que foron creadas. O problema de Galiza, recalcou é a submisión do seu Goberno ás decisións de Madrid defendendo un acordo para o noso leite que non garante prezos dignos, non anula os contratos lixo en vigor nin sanciona aos incumpridores.
Por outra parte, Jorquera tamén aludiu a perda de 8.000 millóns de euros co novo sistema de financiamento do que dixo, vostede tampouco se fixo ouvir, a pesar de que outras comunidades reclaman a súa revisión e concretan as súas propostas.
Tamén permanece calado ante o posible peche de empresas polo custe da electricidade sendo Galiza unha potencia eléctrica, ante os datos do Banco de España que confirman o espolio do aforro galego e o retroceso do crédito ou que Navantia contrate catro petroleiros que se construíran en Cádiz e para Ferrol as migallas.
Vostede, concluíu, está vendendo o País por parcelas, R mercada por Euskatel, PHARMAMAR traslada a súa sede social a Madrid e mentres isto ocorre, o presidente da Xunta segue sen facerse ouvir.