Jorquera inquire a Feijóo cantos despedimentos prepara na Administración pública galega
O candidato do Bloque Nacionalista Galego á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, emprazou ao presidente do Goberno galego a que diga cantos despedimentos prepara na Administración pública galega.
Diversos portavoces do PP manexan cifras de destrución de postos de traballo nas distintas administracións públicas que oscilan entre os 100.000 e os 300.000 despedimentos. Aínda non escoitei ao señor Feijóo criticar estes planos do Goberno Rajoy. Aínda non o escoitei dicendo que el non os vai aplicar en Galiza, afirmou o líder nacionalista, quen acusou aos gobernos do PP, estatal e galego, de seren auténticas máquinas de producir parad@s. E esta á forma en que pensa o PP combater o desemprego: colocando ás administracións públicas á cabeza do ránking de despedimentos?, perguntouse.
Esta semana, acabamos de coñecer o dado de que durante os 3 anos de goberno Feijóo Galiza perdeu nada máis e nada menos que 85.000 afiliad@s á Seguridade Social. Falamos de 85.000 persoas que ficaron sen traballo. 85.000 persoas que non puideron cotizar para aumentar a súa protección no futuro, censurou o líder nacionalista.
O candidato do BNG á Xunta de Galiza denuncia que Rajoy deseña un plan de recortes á grega
Jorquera compareceu ante os meios logo de manter unha reunión de traballo con cargos orgánicos e institucionais do BNG da comarca da Coruña, con vistas a preparar un Día da Patria Galega que a formación nacionalista quer máis masivo e participativo que nunca. Reunímonos para darmos impulso ás liñas de traballo aprobadas polo Consello Nacional o pasado sábado, para continuarmos coa interlocución que mantemos coa sociedade galega, interlocución coa que damos traslado das nosas propostas e iniciativas, dixo Jorquera, quen salientou a magnífica acollida que están a ter, nomeadamente a iniciativa a prol dunha Banca Pública Galega.
40.000 empregad@s no sector público galego ameazad@s
En Galiza hai arredor de 40.000 empregad@s no sector público que teñen contratos temporais. Pois ben, a súa continuidade está a ser ameazada polos planos de recorte do PP, denunciou Jorquera.
O candidato nacionalista enfatizou que a destrución de postos de traballo no sector público é unha medida que se insire na ofensiva antisocial do Partido Popular: Van na dirección de acabar co modelo social do benestar.
Non podemos esquecer que os traballadores de Navantia son empregados públicos. Que tamén o son @s enfermeir@s. Ou @s profesoras/es. Ou os bombeiros, reflectiu Jorquera.
Megarrecorte de 30.000ME
O líder nacionalista referiuse á información publicada por Reuters segundo a cal o Goberno Rajoy prepara un megarrecorte de 30.000 millóns de euros, unha brutal tesourada que se concretizaría nunha nova rebaixa dos salarios dos funcionarios, a conxelación das pensións, a redución das prestacións por desemprego (nun momento en que moitas e moitos desempregados carecen de ningún tipo de axuda pública) e a eliminación de miles de postos de traballo no sector público.
Todas estas medidas, ás que hai que engadir a segura suba do IVE e dos impostos sobre os carburantes, levan a Jorquera a afirmar que o PP prepara un plan de recortes á grega que terá como consecuencia un aínda maior deterioro das condicións de vida das traballadoras e dos traballadores, o empobrecimento das clases medias e o agravamento da recesión. Tampouco servirá para reducir o déficit, tal e como teñen demostrado políticas semellantes practicas en Grecia, Portugal ou Irlanda. Se se agrava a recesión é imposíbel reducir o déficit, porque obviamente baixan os ingresos públicos, razoa Jorquera.
Feijóo, sen autonomía
Jorquera tamén cargou contra Feijóo por demostrar que carece de toda autonomía política ante Madrid.
Feijóo limítase a aplicar políticas que lle veñen dadas e a asumir acriticamente mesmo a invasión dos espazos competenciais que son exclusivos da administración galega. A proba máis palpábel da súa falta de autonomía é non ter apresentado recursos de inconstitucionalidade contra as medidas do Goberno que atentan contra a sanidade e a educación das e dos galegos.