Jorquera:"Hai que ser moi inocente para pensar que Galiza sairá da crise coas contas de Feijoo"
O portavoz nacionalista acusa ao Goberno de seguir beneficiando a unha minoría e presentar uns orzamentos baseados nos recortes para os máis desfavorecidos
Francisco Jorquera manifestou que o proxecto de orzamentos, aprobado hoxe polo Consello da Xunta, certifica o fracaso das políticas de Núñez Feijoo e a súa insistencia en medidas que conducen a Galiza ao suicidio económico.
O parlamentario do BNG ironizou sobre o día de presentación dos orzamentos no Parlamento galego, (mañá, venres 28 de decembro), hai que ser moi inocente para pensar que Galiza crecerá cos orzamentos de Feijoo, ao mellor por iso o fai e elixe o día 28 para presentalos.
Para o portavoz nacionalista, os orzamentos do ano 2013 supoñen seguir cavando no pozo con políticas de recortes cando, asegurou xa estamos no fondo.
Galiza non sairá da crise coas contas de Feijoo
Neste sentido, alertou da aceleración na caída da economía galega para o ano que vén e lembrou que no 2012 as previsión foron superadas pola realidade, o incremento do 1,1% do Produto Interior Bruto decreceu nun 1,1%.
Ante as novas contas da Xunta para o 2013, Francisco Jorquera preguntou polas medidas incluídas nos orzamentos e destinadas a reactivar a economía, impulsar os sectores produtivos e protexer os servizos públicos.
O PP presume de subir o RISGA cando está obrigado por Lei
En declaración aos medios de comunicación no Parlamento galego, o portavoz do G.p do BNG tamén criticou que a Xunta presente como medida de sensibilidade social a subida dos fondos para a renda de Integración Social (RISGA) e lembrou que a Xunta está obrigada a subila por lei xa que entre outras razóns, afirmou, ao longo do mandato do Sr.Feijoo a pobreza e os índices de exclusión social aumentaron en Galiza de maneira alarmante.
Jorquera criticou a nova rebaixa salarial dos empregados públicos despois de que nos últimos anos xa viran recortado o seu poder adquisitivo nun 20% e concluíu censurando as políticas fiscais de Feijoo que fan recaer os efectos da crise nos sectores máis desfavorecidos mentres evita operar sobre os impostos dos que máis teñen
http://youtu.be/jEr36xCwMeU