Jorquera, a Feijóo: "Ou Banca Pública Galega ou absorción de Novagalicia Banco por Bankia"

O candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, instou hoxe a Núñez Feijoo a que tome partido pola Banca Pública Galega e non pola absorción de Novagalicia Banco por Bankia, tal e como pretende o Goberno Central.

Jorquera interveu esta mañá na Coruña nun acto para presentar a proposta do BNG de crear unha Banca Pública Galega. Canda el estiveron o catedrático de Estrutura Económica da USC, Xavier Vence, e o portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, que presentaron a proposta a representantes de entidades sociais e económicas da Comarca como como os sindicatos CIG e CCOO, do sector do pequeno comercio, de profesionais autónomos, asociacións de veciños ou representantes empresariais.

“Nunca coma hoxe é máis necesario crear unha banca pública galega”

Previamente, en declaracións aos medios, o candidato do BNG á presidencia da Xunta subliñou que “nunca como no día de hoxe é máis pertinente volver poñer en primeiro plano a proposta do BNG de crear unha banca pública galega, pois todos almorzamos coa nova de que os recursos públicos necesarios para sanear Bankia se elevan xa a 20.000 millóns de euros e tamén que o Goberno Central está barallando a posibilidade de que todas as entidades intervidas integralas nun gran Banco Público estatal nucleado arredor de Bankia”.

Proposta trampa do Goberno de crear un gran banco público

A este respeito, Jorquera advertiu de que “é unha proposta trampa do goberno porque non estamos a falar de crear un banco público con vocación de permanencia, senón que se trata dun banco público concibido para con recursos públicos sanear estas entidades e logo vendelas a prezo de saldo ao sector privado”. “En definitiva -denunciou- socializar as perdas provocadas pola mala práctica do sector financeiro”.

A proposta do Goberno liquida a posibilidade de poder manter Novagalica Banco como entidade galega

Pero ademais, criticou que é un deseño totalmente centralista, que de confirmarse “suporía o tiro de gracia definitivo á pervivencia de Novagalicia Banco e a súa permanencia en Galiza, e estaríamos ante a consumación do deseño inicial do PP que era integrar Caixa Galicia en Caja Madrid”.

O deseño do Estado é absolutamente centralista e significaría o tiro de graza definitivo ao sistema financeiro galego. Galiza baixaría a Segunda División mentres Catalunya e Euskadi si manterían presenza propia no sistema financeiro

De trunfar o deseño do Estado, Galiza baixaría a Segunda División. Catalunya e Euskadi ficarían soas en Primeira

Pola tanto, o candidato do BNG advertiu de que “estaríamos ante a perda definitiva do sector financeiro galego e ante o debuxo dun mapa no Estado español dunha gran concentración e centralización en Madrid do poder financeiro”. “O capital galego, o destino dos nosos aforros estaría en Madrid e non en Galiza”, afirmou Jorquera.

O vindeiro martes vótase no Congreso a proposta do BNG

E fronte a ese deseño, salientou que “hai a alternativa que o BNG está poñendo sobre a mesa de crear un Banco Público Galego”.

Neste sentido lembrou que “no que atinxe a Novagalicia Banco o BNG ten propostas, unha delas será sometida a votación no Congreso dos Deputados o vindeiro martes: que a participación maioritaria do FROB en NCG Banco se transforme nun Banco Público con carácter proprio, sen ser absorbido por Bankia, e que a Xunta de Galiza se faga coa representación pública nesa entidade”.

Feijóo ten que pronunciarse: ou con Galiza ou con Madrid

Ante esta situación Jorquera demandou que “Feijoo se posicione”. “Está a favor dun deseño que levará a que Novagalicia Banco sexa absorbida por Bankia? Está a favor de todas as entidades de crédito teñan o seu centro de decisión en Madrid, agás as entidades catalás e bascas? Está a favor de que Galiza descenda a segunda división financeira do Estado? Ou está a favor de que preservemos as entidades de crédito galegas e que o aforro galego se invista en Galiza como propón o BNG coa alternativa de Banca Pública Galega?”, preguntou Jorquera.

O candidato do BNG denuncia que o Estado estea disposto aportar 20.000ME en sanear Bankia e non tome ningunha medida para que se restitúan os 900ME estafados aos 100.000 afectados polo corrralito galego das preferentes

O Goberno dá 20.000 millóns a Bankia pero non quere poñer 900 millóns para solucionar a fraude das preferentes

Por último, o candidato do BNG á presidencia da Xunta criticou que “mentres o Estado está disposto a aportar 20.000 millóns de euros para sanear Bankia, resulta que non adopta ningunha medida para destinar 900 millóns de euros que significaría resolver en Galiza o corralito das preferentes e devolver aos aforradores o seu diñeiro despois de seren enganados polas entidades financeiras”.

http://youtu.be/v6KZsVOQnt4