Jorquera: “ A extrema dereita está dentro do Partido popular”

O parlamentario afirmou que estamos a vivir tempos de degradación da democracia, dándose cada vez máis  casos de cargos institucionais e militantes do PP que fan exaltación da simboloxía fascista

O portavoz do grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera compareceu ante os medios de comunicación para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de portavoces.

A preguntas dos xornalistas sobre o acontecido na comisión parlamentaria na que o Partido popular rexeitou unha iniciativa do BNG para reprobar ao alcalde de Baralla que xustificou os crimes franquistas, Jorquera afirmou que “no Estado español non hai un partido de extrema dereita porque a extrema dereita está subsumida no Partido popular” que xustifica e presta amparo a actitudes que deberían provocar a “indignación” de calquera persoa cunhas mínimas conviccións democráticas.

O PP rexeita crear unha Comisión de investigación sobre o accidente de Angrois

Sobre as cuestión tratadas na Xunta de Portavoces, o parlamentario avanzou que o Partido popular rexeitou a comparecencia de Núñez Feijóo para explicar na Cámara o “financiamento irregular” do PP en Galiza e o seu papel na “trama ilegal” da financiación do Partido popular.

Por outra parte, anunciou que o BNG, non parará ata que o Parlamento galego poña en marcha unha Comisión de investigación que aclare as causas do accidente ferroviario de Angrois, depure as responsabilidades e estableza conclusións para o futuro.

Neste sentido, engadiu que na Xunta de Portavoces foi debatida unha proposta para crear unha Comisión de Estudos e o BNG considera que non é “congruente” que o PSdeG apelase no seu momento a razóns de índole competencial para non votar a favor da comisión de investigación e agora solicite unha comisión de Estudo onde as competencias están residenciadas no Estado.

Jorquera criticou que o PP propuxera crear unha comisión de estudos de seguridade vial cando rexeita investigar o acontecido en Angrois. O BNG e AGE, dixo, rexistraron onte a solicitude de crear a Comisión de investigación e “levarémolo a pleno cantas veces sexa necesario para retratar ao Partido popular” que non quere que “a sociedade coñeza a verdade”.

O BNG presenta unha queixa tras retirarlle a palabra Pilar Rojo á deputada Ana Pontón na última sesión plenaria

Francisco Jorquera acusou ao Partido popular de utilizar “unha dobre vara de medir” á hora de aplicar o regulamento no Parlamento e explicou que mentres a presidenta Pilar Rojo retíralle a palabra a viceportavoz do BNG, Ana Pontón alegando que non se estaba axustando ao tema, sistematicamente, “o Presidente da Xunta non responde as preguntas formuladas”.

Para o deputado, esta situación enturba a vida do Parlamento e provoca “ crispación” que o Partido popular quere aproveitar para sacar rédito político.

Dentro da orde do día da vindeira sesión plenaria, o portavoz nacionalista formulará unha pregunta ao Presidente da Xunta sobre o lugar no que se atopaba cando Galiza ardía polos catro costados.

Asemade, será debatida unha queixa pola parálise da Comisión de Investigación das Caixas de aforro e diversas iniciativas contra a destrución do tecido industrial, e o “calote” aos emigrantes retornados.