Jorquera a Elena Muñoz: Entramos nun ano electoral e necesitan vender fume
Francisco Jorquera nega que os orzamentos da Xunta para o 2015 sirvan para a recuperación social e económica: O único que hai nestas contas é política clientelar ante un ano de eleccións
O portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera criticou hoxe os orzamentos para o ano 2015 presentados pola conselleira de Facenda Elena Muñoz en sede parlamentar: O único xiro que hai nestes orzamentos é que o vindeiro ano hai eleccións municipais e necesitan máis recursos para facer política clientelar, sentenciou.
Jorquera lembrou as declaracións de Núñez Feijóo tras a aprobación do proxecto de Orzamentos 2015 no consello da Xunta nas que afirmaba que estes orzamentos serven para consolidar o xiro económico, a recuperación económica e social co rigor e estabilidade que nos permitiron chegar ata aquí. Pois ben, preguntou o nacionalista: qué xiro, qué recuperación, qué rigor?. O rigor mortis porque a única recuperación anunciada nesta contas é modificar á baixa as previsións do crecemento para o presente ano 2014.
Como entramos nun ano electoral, engadiu, vostedes necesitan vender fume anunciando un medre para o 2015 cando tiveron que rebaixar do 1,2 ao 0,9 nas previsión de crecemento do 2014.
Estratexia fracasada do Goberno galego contra a crise
Nesta liña, dixo, fiaron a recuperación da economía á devaluación interna dos salarios para favorecer a exportación copiando o modelo indochino, producir máis barato, a costa de rebaixar os salarios. Unha estratexia, explicou ruinosa para Galiza onde tiñamos os salarios máis baixos e coas súas políticas incrementáronse de maneira brutal a desigualdade e empobrecemento.
O deputado demandou do Goberno galego non escudarse noutros países para xustificar a estratexia suicida imposta por Merkel e Rajoy que aceptaron que o Banco central manteña o euro a un tipo de cambio moi alto aínda que non beneficie ás exportación pero si aos bancos alemáns que colocaron a súa débeda en euros.
Merkel e Rajoy dirixen a vida de todos os galegos e galegas
As consecuencias das políticas ditadas pola Troika e a Unión Europea, explicou, contaron co aplauso entusiasta do Partido popular a piques de entrar nunha terceira recesión e vostedes, parecen ignorar ese escenario cando fían o noso crecemento exclusivamente ás exportacións cun incremento do 6,6% no 2015, fronte o crecemento público e privado do 1,5%, ese é o problema, Sra. conselleira, que os orzamentos da Xunta son ficticios e as súas previsións desmentidas pola realidade.
Por outra banda,tamén dixo que pronostican un descenso do paro en 1,6 puntos cando a xente segue emigrando.
Porqué estimando un crecemento do PIB do 2%, os orzamentos só crecen un 0,5%, preguntou, será porque vostedes non cren nas súas propias previsións de crecemento.
O Estado prevé un incremento da recadación tributaria do 5,4% pero as transferencias a Galiza só medran un 3,9% e con estes datos, o Goberno galego segue aceptando un sistema de financiamento que non asegura nin a nosa autonomía nin a suficiencia financeira.
O BNG estuda accións legais contra o Goberno galego se comete prevaricación coa Autovía da Costa da Morte
É certo que o gasto medra 45 millóns, afirmou, pero a colaboración pública-privada da Xunta supera os 56,5 millóns de euros chegando mesmo a modificar a lei de contratos para beneficiar á concesionaria da Autovía da Costa da Morte. Resulta un escándalo que non só a penalicen por non cumprir coas condicións da adxudicación, senón que mesmo a indemnicen. Jorquera anunciou que o BNG estudará emprender accións legais no suposto de que o Goberno galego incorra en prevaricación, neste asunto.
O IPC sobe O,8% fronte o 0,5 de gasto de orzamentos
É falso que sexan uns orzamentos sociais, máis ben todo o contrario, as consellerías que soportan o gasto social, recalcou, conxelan ou reducen o orzamento consolidando os recortes dos últimos anos.
Non existe deseño para xerar emprego, o comercio sofre un recorte do 13,37%, desenvolvemento empresarial 7,3%. Turismo, -0,8%.
Liquídase a nosa cultura cun recorte do 5,4%, Normalización Lingüística 4,8% sen embargo, hai cartos para os asesores medrando nun o 2,2% o seu gasto.
Orzamentos para política clientelar
O parlamentario reiterou que as contas do 2015 están dominadas polas políticas clientelares. Crece nun 16,8 o gasto de Vicepresidencia concentrado en funcións ligadas aos concellos, chegan as municipais e hai que regar ben aos concellos gobernados polo Partido popular.
Jorquera rematou a súa intervención cualificando de continuístas, un orzamentos que carecen de para crear emprego, non mudan as prioridades, re representan máis ruína para Galiza.