Jorquera acusa a Feijóo de supeditar Galiza á obediencia de Rajoy
Ante o remate da décima Lexislatura no Estado, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera reprocha ao presidente da Xunta non reclamar competencias para Galiza e facilitar a recentralización de Rajoy.
O portavoz parlamentario do BNG, francisco Jorquera preguntou hoxe ao presidente da Xunta pola incidencia en Galiza da xestión do Goberno central e acusou ao Núñez Feijóo de non reclamar nin conseguir competencias nin defender os intereses dos sectores produtivos galegos.
Para o deputado, o Goberno de Rajoy será lembrado pola imposición de recortes ás comunidades no desmantelamento dos servizos públicos e de incumpriu a lei ao non revisar o sistema de financiamento. Nestas decisións, dixo, o Goberno central contou coa complicidade de Núñez Feijóo que non fixo nada como demostra ter aceptado unha reestruturación do sector financeiro que nos deixou sen entidades de crédito, deixar o camiño libre ao espolio do noso aforro e asumir un cambio na lexislación do sector eléctrico que arruinou as nosas renovábeis.
A submisión de Feijóo a Rajoy provoca graves consecuencias nos principais sectores produtivos galegos
O nacionalista salientou as graves consecuencias das decisións do Goberno central sobre a pesca, o sector lácteo e o sector naval. O goberno galego, dixo o portavoz do BNG, aceptou que o Goberno central incumprise todos os compromisos con Navantia Ferrol, aceptou tamén que se negara a construír o dique ou que pasase a depender de Defensa en troques de aproveitar o fin do veto para recuperar Fene para a construción Naval Civil.
O parlamentario tamén lembrou que no ano 2011 o Sector Naval de Ferrol tiña 10.000 traballadores e hoxe menos de 600 das empresas auxiliares e 500 da plantilla principal contan con carga de traballo.
Feijóo respondeu que o Goberno de Rajoy evitou o rescate das familias galegas, o desplome das pensións e dos valores patrimoniais das familias e mantivo o financiamento da Educación e Sanidade e evitou as peaxes nas autovías galegas e os corralitos nos Bancos, fronte a o Partido socialista que destruíu miles e miles de empregos.
Jorquera tira por terra os privilexios de Galiza dos que presume Feijóo
Na réplica, o nacionalista volveu a preguntar polos privilexios dos que presume Feijóo e puxo como exemplo que fixo o Presidente da Xunta polos dos traballadores de Navantia fronte o Goberno central porque esta semana volven a manifestarse e non é para agradecer a súa xestión. Onde están, preguntou, os 2.000 postos de traballo do Centro de Reparacións de Ferrol que vostede se comprometeu a facer. O resultado da súa submisión significa que os catro petroleiros serán construídos en Cádiz e para Ferrol quedan as migallas, recalcou.
Os gandeiros volven ás protestas pola crítica situación do sector lácteo
Explíquelle aos nosos gandeiros como os defendeu. Esta semana vólvense a manifestar dixo Jorquera que leu o titular adiós a la mitad de las granjas gallegas e o Fondo de Garantía agraria, un mes despois do acordo de Madrid, confirma que Galiza é o lugar onde se paga menos polo leite, 28 céntimos por litro 6 menos que en Andalucía. No que levamos de ano,engadiu, pecharon en España 500 explotacións, 383 en Galiza máis do 72% e explíquelle tamén aos mariñeiros que a flota de arrastre teña que amarrar durante a fin de semana mentres o Goberno español permite que faenen nos nosos caladoiros a flota portuguesa, explíquelle os mariñeiros do cerco porque o Goberno español concede a cada barco vasco tanta cota como a toda a flota de Malpica ou de Sada.Os mariñeiros do cerco levan 40 días acampados e vostede nin sequera se dignou a recibilos.
Cando falamos de defender os intereses de Galiza, recalcou Jorquera, falamos de comer, de poder vivir do noso traballo pero vostede prefire obedecer ao Sr.Rajoy, concluíu.