Jorquera acusa a Feijóo de “mirar para outro lado” mentres o Sector naval galego agoniza

O nacionalista aconsella a Núñez Feijóo pedir a dedicación exclusiva e dedicarse só a ser tertuliano de “El Gato al Auga” porque como Presidente da Xunta "non exerce".

Pleno.- Na pregunta de control ao Presidente da Xunta, o portavoz do grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera acusou a Feijóo de “botar as culpas ao demais” e mirar para outro lado mentres o Sector naval galego “agoniza” e lembrou que a Comarca de Ferrol mantén hoxe unha Folga Xeral contra a grave crise do sector, a pobreza, o desemprego e a emigración.

Na súa intervención, o nacionalista denunciou unha taxa de paro en Ferrol do 32%, dez puntos por riba da media galegae cunha poboación activa, que representa menos da metade da poboación total, “só ten traballo un de cada tres habitantes”, afirmou.

No seu relato, o parlamentario do BNG aludiu a perda de empregos directos no sector, 2.300 nos últimos anos, gradas baleiras nos estaleiros, “por moito que Montoro pretenda tomar por parvos aos galegos” e unha situación de crise á que hai que sumar outras empresas da comarca, entre elas, Megasa ameazada de peche polos efectos dunha orde ministerial “que vostede negociou”.

Unha orde, engadiu que exclúe á empresa das primas para grandes consumidores eléctricos das que en cambio se están a beneficiar os seus grandes competidores.

O parlamentario acusou ao Presidente da Xunta de vender Galiza por parcelas, convertela nunha inmensa mina a ceo aberto e abrir o país en canal para que outros espolien os nosos recursos.

Jorquera manifestou que nos últimos anos desapareceu o 60 por cento do tecido industrial en Vigo coa perda de 10.000 empregos directos e 6.000 indirectos e en pouco máis dun ano, “o sector naval galego, dixo, pasou de representar máis da metade do sector no conxunto do Estado a situarse no 22%”.

 Feijóo tertuliano de “El Gato al Auga”

Na quenda de réplica, o parlamentar do BNG criticou que o Presidente da Xunta non mostre a mínima responsabilidade ante un sector que “agoniza en Ferrol e Vigo” e sega botando as culpara aos outros,polo que lle recomendou , “pedir a dedicación exclusiva e dedicarse só a seren tertuliano de El Gato al Auga” xa que como Presidente de Galiza, dixo, “non exerce”.

Promesas incumpridas dende hai dous anos

Jorquera tamén preguntou polo contrato con Ferrol anunciado por Feijóo na campaña electoral do ano 2009 e pola promesa de crear un grande centro de reparacións navais en Ferrol e outro en Vigo.

O proxecto industrial publicitado pola Xunta para Navantia no ano 2011, a construción do dique flotante, a carga de traballo para os estaleiros, o levantamento do veto a Fene, o desenvolvemento da lei do sector naval, ou a suspensión do tax lease, dixo, son “promesas incumpridas” que levan a Galiza a converterse na terceira potencia naval do Estado en pouco máis duns anos, despois de seren históricamente a primeira.

O portavoz parlamentario nacionalista concluíu afirmando que “Feijóo non exerce como Presidente e prefire pasarse a vida botando a culpa sempre aos outros”.

Así lle vai a Galiza rematou.