Indecencia política do PP, que prima ás farmacéuticas en lugar das vidas d@s doente de hepatite-C
O BNG defendeu no Parlamento a literalidade das demandas da Plataforma Galega de Afectados pola Hepatite-C: acceso inmediato ás nova terapias para todos os casos definidos como de tratamento urxente pola Asociación española para o estudo do fígado, e que os medicamentos de última xeración para tratar esta doenza se dispensen nas farmacias hospitalarias.
A negativa do PP a apoiar esta iniciativa provocou a protesta enérxica e emotiva dos afectados e afectadas que seguían o debate desde a tribuna da Cámara e a contundente crítica da portavoz parlamentaria en Sanidade, Montse Prado, que cualificou a posición dos populares de obscena, inmoral e indecente.
Cando vostedes apertan o botón para votar en contra, están dicindo non á petición de axilizar o tratamento médico que pode salvar vidas, denunciou, para tachar de impresentables ás prioridades políticas do PP capaz de lexislar para que as farmacéuticas teñan a tixola polo mango e podan obter beneficios millonarios a costa da saúde dos galegos e das galegas. Alá vostedes coa súa conciencia, recalcou, tras lembrar os 13.000 millóns de euros de beneficios obtidos pola multinacional que comercializa o fármaco de referencia contra a hepatite-C.
Prado denunciou o escurantismo co que se xestiona a información e os datos sobre esta doenza por parte da Xunta, - como é posible que non podamos coñecer a composición da subcomisión de sanidade que determina quen ten acceso ao tratamento?, se preguntaba-, e volveu demandar que sexan criterios exclusivamente médicos os que determinen o tratamento que deben recibir os afectados e afectadas.
Neste sentido, denunciou que a Consellería de Sanidade aplica criterios aínda máis restritivos dos que marca o propio ministerio, e que cando o paciente supera os 70 anos os filtros se endurecen. Unha crueldade, recalcou Prado, tras anunciar que o Bloque seguirá defendendo as demandas dos doentes afectados pola hepatite-C nas institucións e na sociedade.