Guillerme pide plantarse ante a UE para evitar novos recortes e cre que Feijóo prepara un pucheirazo

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou este luns en conferencia de imprensa que ou o Estado español se planta xa ante a UE ou "virá un novo Recortazo" que agravará aínda máis a recesión.

Guillerme compareceu ante os meios após unha reunión da Executiva Nacional e valorou tamén o anuncio de Feijóo de que vai impulsar a reforma da lei eleitoral para reducir o número de deputados.

Dixo que Feijóo o que tenciona é "desviar a atención" porque "non ten ningún balanzo de xestión que presentar", pero á vez enfatizou que ao BNG non se lle escapa que o que realmente persegue o presidente da Xunta é "gañar as vindeiras eleccións galegas cun pucheirazo", cunha reforma da lei eleitoral feita á medida dos intereses do PP.

dá a impresión de que Rajoy, como o capitán do Costa Concordia, abandonou xa o barco

Acusou o presidente do PP de tentar cambiar a lei eleitoral "no último minuto" para gañar as eleccións "cun penalti mal pitado".

A situación agrávase por momentos 

Mostrou a súa preocupación por que a situación "se agrava por momentos" ante a "ausencia clamorosa de Goberno" e un "descontrol absoluto".

"O Goberno Rajoy é un goberno noqueado. Dá a impresión de que Mariano Rajoy actúa como o capitán do Costa Concordia: é o primeiro que abandona o barco", dixo Guillerme, quen alertou que o Estado español avanza "a marchas forzadas" cara á intervención "eufemisticamente chamada rescate".

"O rescate, en realidade o saqueo ao pobo, aboca ao Goberno Rajoy a unha encrucillada. Ou se plantan dunha vez por todas ou virá un novo Recortazo que é para o que traballan os especuladores, un Recortazo que sería un auténtico suicidio", dixo.

Caos político, social e económico

En 6 meses o Goberno Rajoy conduciu ao Estado español a un "auténtico caos político, social e económico de magnitudes inenarrábeis". "O barco está indo directamente e sen control a estrelarse contra os cons", enfatizou.

Referéndum, demisión, eleccións antecipadas

Rajoy ou convoca un referéndum para submeter o Recortazo á consideración da cidadanía ou a estas alturas se non é "capaz de abordar os problemas dun ponto de vista diferente" é mellor que demita e convoque eleccións antecipadas xa.

Cambio de rumbo radical, demandou Guillerme. "Hai que se cuestionar con clareza este modelo da UE. Plantarse ante a UE. Non hai outra saída. É imposíbel resolver o problema con este marco", alegou.

"Nin troika nin memorando nin plano de estabilidade. Cambio de rumbo! Non se trata de salvar o euro. Trátase de salvar o pobo", arengou.

Recado ao "progre" Gallardón: Aborto Libre e Gratuito!

Guillerme tamén avaliou a contrarreforma da Lei do Aborto anunciada por Gallardón.

A ameaza de retrotraer a lexislación sobre o aborto é "intolerábel", dixo Guillerme.

"A ese 'progre' de Gallardón", ironizou o portavoz nacional, "dígolle con toda clareza: Aborto Libre e Gratuíto Xa!".