Guillerme anuncia un proceso para un novo proxecto nacionalista do que el non será portavoz
Asemade, Guillerme anunciou que, ao termo deste debate, el non será portavoz nacional.
O portavoz nacional defendeu que o BNG debe reaxir, en primeiro lugar, combatendo a política letal do PP e tratando de facelo con máis eficacia, esforzándonos para conseguir máis apoio social a unha alternativa nacionalista para o cambio de rumbo.
Neste sentido, anunciou un proceso de reflexión e debate que hoxe iniciamos no Consello Nacional para ofertar un novo proxecto nacionalista e de esquerda, dende a diagnose certa das necesidades obxectivas, máis tamén subxectivas da sociedade galega, nun contexto de crise que se ha agravar nos próximos tempos.
Guillerme subliñou que este será un proceso sen límites previos para o que fixaremos o horizonte temporal e as fórmulas para levar a termo ese debate e conclusións, tamén sen limitación previa.
Converter a derrota nunha oportunidade
O portavoz nacional recoñeceu que son consciente de que o BNG terá que atravesar un mar con temporal pero estou seguro de que podemos facelo, sei que na travesía hannos botar padas de sal na ferida e tamén que ás veces haberá que amarrarse ao mastro como Ulises para que os cantos de serea non levan o noso barco contra os cons.
Neste sentido, avogou porque o noso esforzo debe dedicarse a cambiar e mellorar aquelo que poda depender de nós para aumentar a confianza social no nacionalismo e para converter a derrota en oportunidade.
Por outra parte, Guillerme afirmou que non son tempos de abandono e eu non abandonarei, porque a diferenza de cando as cousas van ben e todo o mundo se apunta, cando as cousas van mal o máis cómodo e tentador é abandonar e fuxir dos problemas.
Apertura dun proceso para ofertar un novo proxecto nacionalista e de esquerda
Neste sentido, anunciou que seguirei no BNG para o que teñades a ben considerar, pero non será como portavoz nacional despois da conclusión deste debate que hoxe encetamos.
En primeiro lugar -explicou-, porque toca asumir responsabilidades, e eu como sempre asúmoas en conciencia; e en segundo lugar, porque creo firmemente que unha vez finalizado o proceso de debate que hoxe iniciamos, unha nova persoa debe encabezar o novo proxecto que o BNG ha de ofertar á sociedade galega.
Guillerme rematou a súa intervención parafraseando a Alexandre Bóveda após un revés eleitoral do Partido Galeguista: Vencidos non, en pé!
http://youtu.be/s9Q1mBnUmzM