Grazas aos máis de 145.389 galeg@s que confiaron no BNG
Jorquera tamén quixo ter un recoñecemento especial para o inmenso traballo feito pola militancia e por ter despositado a súa confianza nel, pedindo desculpas se consideran "que non estiven á altura".
Sen panos quentes
"Non vou poñer panos quentes -engadiu- hoxe sofrimos un importante revés pero como no símil futbolístico unha equipa campiona non é a que non perde senón a que se levanta e esforza por gañar o seguinte partido".
Jorquera afirmou que a época histórica que nos vai tocar vivir é a dun modelo de Estado que está en crise e nese contexto o nacionalismo galego é máis necesario que nunca.
"Se o BNG non existise habería que inventalo -dixo-. É imprescindíbel o traballo no Parlamento e na loita social e nesas tarefas poñeremos todo o noso esforzo".
Para Jorquera son moitos os factores que entran en xogo no resultado, pero cómpre lembrar que o BNG concurriu nunha situación moi delicada, porque as campañas duran catro anos, dende que comeza unha lexislatura até que se convocan novos comicios e nese tempo o BNG sofriu unha forte convulsión, "por moi heroica que fose a súa recuperación nos últimos meses".
David e Goliat
Asemade, referiuse ao exemplo que tantas veces puxo nos mítines Guillerme Vázquez, da loita entre David e Goliat -en alusión a todos os poderes que manexa o Partido Popular e á súa estratexia de desmovilizar e dividir-, "pois deulles resultado, gañou Goliat".
Jorquera recoñeceu que o BNG non conseguiu sintonizar con moitos cidadáns descontentos "e tomaremos nota porque o BNG foi,é e será referente contra as políticas do Partido Popular, con crítica e tamén con propostas".
"Sabedes que non teño ambición persoal, por iso estou a disposición da miña organización porque a miña única ambición é colaborar colectivamente por unha Galiza máis libre, máis democrática e máis xusta."
http://youtu.be/w0arKGGFYI8