Os gobernos municipais do BNG, insubmisos cos recortes, erguen a bandeira do estado do benestar
No cumio municipal que convocou aos alcaldes, alcaldesas e voceiros municipais da formación, o portavoz nacional, Xavier Vence, deixou claro que o BNG loita desde os gobernos locais contra o golpe de estado do PP ao actual modelo social.
O BNG ten que ser a vangarda, a punta de lanza na defensa do estado do benestar, salientou, tendo en conta que o PP aproveita o medo e a incerteza xerada pola crise para pasar a rebarbadora aos dereitos sociais, aos servizos públicos e a todas as conquistas propias dun estado do benestar que custou décadas conquistar, argumentou.
Vence advertiu que o PP está a perpetrar un cambio de modelo na prestación de servizos públicos cara á privatización: Desde o BNG, desde os nosos gobernos municipais erguemos a bandeira da defensa dos servizos públicos como a maneira de garantir o benestar da cidadanía. Non queremos que o PP faga da sanidade, da educación ou das pensións un negocio privado, explicou.
É posible outra maneira de gobernar como demostran os nosos alcaldes e alcaldesas mesmo dentro do corsé que impón o actual marco político e os recortes da dereita que goberna desde Madrid e desde Galiza, explicou o portavoz nacional, quen citou como exemplos da estratexia de insubmisión do BNG para enfrontar os recortes a opisición ao copagamento dos medicamentos, ao teito de gasto no concello de Pontevedra, o cofinanciamento de comedores escolares e bancos de alimentos ou as axudas para as persoas desafiuzadas.
Os concellos do Bloque gobernan a favor da cidadanía, son a proba de que é posible facer outro tipo de políticas, de que hai un proxecto para o país que demostramos con feitos e cunha xestión municipal exemplar, concluíu.
Na mesma liña se pronunciaron @s responsables municipais, explicando medidas concretas postas en marcha desde os gobernos locais.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, salientou a decisión de non asumir o teito de gasto imposto por Madrid: Non imos adicar os aforros e o superávit do concello a engordar aos bancos, senón á veciñanza de Pontevedra, dixo, tras recalcar que están a facer un esforzo para contrarrestar a diminución dos recursos do Estado e a Xunta para afrontar situacións de emerxencia social das familias, que cada vez son máis.
Pola súa parte, o alcalde de Riotorto, Federico Gutiérrez, declarou que os concellos do Bloque deben ser fortíns contra as medidas que empobrecen á xente. Non estamos para xestionar a miseria que nos reparten aos concellos, senón para dar alternativas aos veciños e veciñas, salientou, tras insistir na súa oposición ao copagamento porque mata, aínda que ao señor Feijóo non lle guste escoitalo.
Purificación Seixido, alcaldesa de Cariño, fixo fincapé en incentivar a participación cidadán, en particular nos concellos pequenos, porque é básica para a solidariedade e a transformación social.
A reforma local tamén foi tema de traballo neste cumio municipal. O rexedor de Monforte e representante nacionalista na FEGAMP, Severino Rodríguez, salientou que supón un recorte e unha privatización encuberta dos servizos que hoxe prestan os concellos á cidadanía.