O GOBERNO INCUMPRE O PLAN DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA: FEIJÓO TRAIZOA O GALEGO
OBNG conmemora os dez anos do PXNLG coa denuncia do seu incumprimento e o anuncio de rexistrar 400 preguntas parlamentarias interpelando ao Goberno por cada unha das medidas a implantar
Tras dez anos da aprobación, por unanimidade, do Plan Xeral de Normalización da lingua galega (PXNLG), o BNG denunciou hoxe ante os medios de comunicación o seu incumprimento xeneralizado, por parte do Goberno galego.
Os deputados/as e o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence aproveitaron a efeméride para fotografarse nas escaleiras do hemiciclo no que hai dez anos foi aprobado por unanimidade o PXNLG e denunciar o seu incumprimento portando cartaces baixo o lema: Feijóo traizoa o galego.O Goberno incumpre o Plan de Normalización Lingüística.Galego Si.
Tras a fotografía, o portavoz do BNG e a deputada Ana Pontón compareceron en rolda e anunciaron que o grupo parlamentario rexistrará 400 preguntas ao fin de interpelar ao Goberno por cada unha das medidas a implantar.
O portavoz nacional lamentou ter pouco que celebrar neste día porque, ao seu xuízo, o plan segue sen executar no ensino, sanidade, xustiza e administración. Vence lembrou que a educación infantil en galego de 0 a 3 anos é nula e no resto dos tramos educativos a súa presenza é testemuñal.
Neste sentido, chamou o consenso en torno a normativa e denunciou que foi o propio Núñez Feijóo quen o rachou á súa chegada ao Goberno no 2009, non só, incumpre a lei, dixo, senón que elaborou unha normativa que vai en contra con preceptos como os recollidos no decreto do plurilinguismo amplamente rexeitado pola comunidade educativa, Mesa pola Normalización Lingüística, Real Academia galega, forzas políticas e organizacións sindicais.
Ana Pontón acusa á Xunta de violar as leis
Pola súa parte, a portavoz de política lingüística do BNG, Ana Pontón recriminou ao Goberno galego por iniciar un proceso de substitución da lingua galega en favor do español e de seguir coa súa discriminación incumprindo sitematicamente as leis e violando os dereitos humanos.
Para a parlamentaria, o Goberno galego pon en risco o idioma propio de Galiza e impide escoller con liberdade o galego para vivir no noso país. Resulta moi difícil resulta o seu uso na xustiza, na sanidade e noutros ámbitos cotiáns, concluíu.