Galiza perde, ano tras ano, autonomía financeira polo fracaso da estratexia de Feijóo
Xavier Vence afirma que a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) constata un novo castigo para Galiza, representa máis recortes en servizos básicos e un ritmo de crecemento económico por debaixo doutras comunidades
O portavoz do BNG, Xavier Vence asegurou hoxe ante os medios de comunicación, que a reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) presidida onte polo Ministro de Hacienda, Cristóbal Montoro, constata unha humillación e o fracaso da estratexia financeira de Núñez Feijóo.
Na súa comparecencia, o portavoz nacionalista considerou que o Goberno do Estado continúa cunha política de teito de gasto para ás CC.AA situado no 0,7% , orientación equivocada para resolver os problemas derivados da crise económica.
Vence sostivo que, a reforma fiscal vai na dirección de continuar co estrangulamento dos servizos básicos con graves recortes na sanidade e educación e non recuperará a normalidade económica no noso país. A reunión do CPFF representa unha humillación para o Presidente da Xunta e a constatación do fracaso da estratexia da súa estratexia, reiterou.
As comunicades cunha estratexia diferente á de Feijóo para financiar a débeda pública acadan un beneficio de 4.127 millóns de euros
Neste sentido, explicou que o anuncio de Montoro de reducir o fondo de liquidez autonómica para as comunidades financiadas a través desta vía supón un custe moi por debaixo do financiamento da débeda pública. Dende o BNG cremos, dixo, que esta medida resulta moi prexudicial para Galiza e discriminatoria para as distintas comunidades autónomas ao premiar ás que seguiron a vía do fondo financiamento de liquidez autonómico que verán reducido o tipo de xuro ao 1% fronte o 2,4% inicial o que lles outorga un impulso financeiro de máis de 2.000 millóns de euros ampliando o período de carencia dos créditos nun ano con 2.080 millóns máis. As comunicades autónomas que seguiron unha estratexia diferente á de Núñez Feijóo serán beneficiadas cun aumento de liquidez de 4.127 millóns de euros.
Para o portavoz do BNG, Núñez Feijóo debe explicar e recoñecer o seu fracaso e afirmou que o titular da Xunta foi enganado e ninguneado polo seu partido dende o Goberno central.
Mentres Galiza é maltratada, recalcou, o Goberno de Mariano Rajoy privilexia a outras comunidades autónomas ofrecéndolle mellores condicións para financiar a súa débeda.
Elena Muñóz moi satisfeita coas decisións do CPFF
O portavoz do BNG non escatimou críticas á conselleira de Facenda, Elena Muñoz da que dixo, ser unha fiel seguidora das directrices do Goberno central e amosar unha leal submisión en troques de negociar as mellores condicións para Galiza, pero, a xuízo do nacionalista, Muñoz aínda vai máis alá, e presentase como ariete contra as comunidades autónomas que reivindican negociacións bilaterais como no caso de Catalunya.
Con este discurso centralista, afirmou, Galiza perde, ano a ano financiamento e consolida a súa balanza fiscal deficitaria. Debe haber unha emenda á totalidade a Feijóo e a súa estratexia de financiamento da débeda, os galegos e galegas non podemos soportar un xuro de 2 ou tres puntos por riba dos ofrecidos polo Fondo de Liquidez Autonómica (FLA). Só a teimosía de Núñez Feijóo está a provocar un grande castigo e penalización en Galiza.
Sociedade galega, concellos e BNG obrigan a Gallardón a rectificar
A preguntas dos xornalistas sobre o anuncio do Ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón de manter os partidos xudiciais, o portavoz do BNG afirmou que a proposta inicial era un despropósito e a rectificación do ministro é produto da mobilización social, dos concellos e BNG. É unha vitoria contra o centralismo que non responde á realidade galega como defendeu en moitas ocasión o BNG na Cámara galega.