Feijóo usa a administración pública ao servizo do PP e da súa propia familia

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, afirmou esta tarde noite nun mitin en Ourense que votar BNG é votar insubmisión “porque Facerlles Frente tamén significa non consentir nin un recorte máis, significa priorizar o gasto público cara ás políticas sociais, cara ás necesidades da xente”.

Jorquera explicou que Galiza non se pode permitir manter no goberno a un presidente como Feijóo, que el mesmo se gaba de ser pioneiro das mal chamadas políticas de “austeridade”, é dicir, das políticas de recortes que só traen consigo máis recortes e que están conducindo o País á ruína.

Familia de Feijóo

“Un señor que vai de austero -dixo- pero que usa a administración pública para poñela ao servizo do PP e da súa propia familia e en Ourense sábedelo ben, co caso da xerente do hospital que é curmá de Feijóo e creou unha praza a medida para o seu home”.

O candidato nacionalista puxo máis exemplos e referiuse á empresa da que é apoderada a irmá de Feijóo, que se beneficia de contratos da Xunta, algúns deles sen concurso público, “unha empresa que fai negocio a conta dos afectados polas preferentes”.

Hai que garantir o dereito á información a través duns medios públicos non gubernamentalizados e un reparto de axudas á prensa que sexa equitativo, transparente e que pase polo control parlamentario

Para Jorquera, a famosa austeridade de Feijóo está sendo empregada como pretexto para camiñar cara atrás nos dereitos e nas liberdades, “cando unha verdadeira política de eliminación do gasto superfluo e de racionalización dese gasto pasa por manter o investimento en sanidade, ensino e servizos sociais”.

Neste sentido, o candidato do BNG advogou polo dereito á información, o dereito a ter uns medios públicos que sexan de todos, non a voz do Partido Popular, e unha política de axudas á prensa que se concedan con criterios equitativos, transparentes e baixo estricto control parlamentar, “non de forma arbitraria para mercar vontades”.

“Por todo isto Galiza precisa un cambio de rumbo e ese cambio é posíbel, vai depender dun puñado de votos; se ti non vas, eles gañan, se apoias o BNG gañará Galiza porque nós queremos este País e temos un proxecto para sacalo adiante”.

Guillerme Vázquez

Pola súa parte, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, tamén arremeteu contra a dereita mediática e animou a facer a seguinte reflexión, “pregúntate a quen apoian e saberás a quen non temen, pregúntate a quen atacan e saberás quen si lles preocupa”.

Asemade, apelou á mobilización o próximo Domingo cara un voto consciente, 100 por cento de galego, 100 por cento de esquerdas, o voto ao BNG, a alternativa máis sólida frente ao desgoberno do PP.

Tereixa Paz

A cabeza de lista por Ourense, Tereixa Paz, coincidiu con Guillerme na chamada a un voto “con fachenda, coa cabeza moi alta porque o BNG nunca o malversará”.

A candidata nacionalista fixo un repaso aos grandes incumprimentos de Feijóo coa provincia e reclamou máis igualdade, non só entre as persoas senón tamén de xénero, alarmada pola regresión que se está a producir coas políticas totalmente reaccionarias do PP en todo o que ten a ver coa muller.

As intervencións foron precedidas pola palabra de representantes de sectores afectados polos recortes no ensino e na sanidade, pola reforma laboral e pola estafa das preferentes, presentados polo candidato número 2, Xosé Manuel Cid, que lembrou o vello lema de “ainda que chova vota”.

“Pois aquí está Ourense, para mollarse polo cambio que precisa Galiza”, engadiu ante un auditorio que se quedou pequeno e que obrigou a un bo número de persoas a ter que escoitalo dende fóra. Jorquera agradeceuno na súa intervención e o público respostoulle cun cálido aplauso.

 

 

http://youtu.be/AEY9XbRf7J8