Feijóo ten que rebaixar triunfalismo e tufo electoral no contrato con Pemex

Jorquera considera que é unha boa noticia pero lembra que a situación do naval segue en situación límite.

O candidato do BNG á presidencia da Xunta congratulouse de que finalmente se confirmase a construcción dun buque-hotel en Barreras mais advertiu a Feijóo que a situación do naval é límite e non se resolve só con medidas paliativas.

“Feijóo -engadiu- debera evitar no anuncio do contrato con Pemex o triunfalismo e o tufo electoral, pois malia ser unha boa noticia non deixa de ser como dar unha aspirina a un enfermo que está na UCI en situación de extrema gravidade”.

Comprometémonos a denunciar os reximes de bonificacións fiscais vixentes noutros Estados, que están botando os asteleiros galegos do mercado

Jorquera, que mantivo un encontro en Vigo cos comités de empresa dos asteleiros da cidade, recoñeceu que o contrato con Pemex empregará a 400 persoas durante 30 meses pero lembrou que só nos dous últimos anos se destruiron 6.000 postos de traballo no naval na comarca e pechou o 60 por cento da súa industria auxiliar.

Tax lease

Para o candidato nacionalista, estes dados demostran que o sector padece unha serie de problemas estructurais que teñen unha causa política e que seguen sen resolverse e referiuse especialmente á suspensión do Tax Lease mentres noutros países de Europa existen outros reximes de bonificacións que fan os seus asteleiros máis competitivos, deixando fóra do mercado aos asteleiros galegos.

“No BNG comprometémonos -dixo- a denunciar estes reximes de bonificacións fiscais vixentes noutros Estados para que Galiza poida competir en condicións de igualdade e así non se dean situacións como as do último ano, no que Noruega logrou 170 contratos mentres Vigo só 3, 4 agora co contrato de Pemex”.

Banco Público

Jorquera, que estivo acompañado polo cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Carlos Aymerich, e pola número 2, Carme Adán, engadiu que tamén é moi importante resolver outros problemas como o da financiación “ e de aí a nosa insistencia na necesidade dun Banco Público galego”.

O candidato do BNG concluiu salientando a clara coincidencia cos representantes do sector en que cómpre unha nova “cultura empresarial” que incentive a modernización e a diversificación e garanta unhas condicións laborais dignas.