Feijóo debe aclarar o financiamento opaco do PPdeG ou demitir

 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, reclamou a “comparecencia inmediata” do presidente da Xunta no Parlamento galego para aclarar a contabilidade opaca do PPdeG que se desprende da documentación que obra en poder da Xustiza, segundo a cal os populares galegos terían recibido dous millóns de euros en donacións sen declarar só durante 2006, etapa en que Alberto Nuñez Feijóo xa lideraba o PP en Galiza.

“Feijóo debe dar explicacións no Parlamento galego e, se as explicacións non despexan calquera atisbo de dúbida sobre a contabilidade opaca do seu partido, debe dimitir porque non estaría en condicións de Gobernar este país”, argumentou Vence, para quen o PP “está tocado por unha profunda corrupción política con evidencias de financiamento ilegal”.

En plena voráxine do "caso Bárcenas", que ten como última entrega o intercambio de mensaxes entre o ex tesoreiro do PP, agora na cadea, e o propio presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, o BNG suma a petición de demisión de Feijóo á de Rajoy.  “Cada día que pasa está máis claro que estamos ante un monstruo de enormes dimensións. Unha trama de financiamento ilegal dun partido político que ten a responsabilidade de gobernar Galiza e o Estado español, enredado en asuntos moi turbios e cos seus pesos pesados postos en cuestión”. Vence reclamou tanto a Mariano Rajoy, como presidente do Goberno central, como a Núñez Feijóo, como presidente da Xunta, que comparezan e dean a cara en sede parlamentar ou que dimitan.

A demisión de Rajoy debe ir acompañada da convocatoria de eleccións canto antes porque "non se pode soster máis tempo no Goberno un dirixente cuestionado e totalmente deslexitimado".

Xavier Vence afirma que "non se trata de quitar a Rajoy para que o PP meta a outro candidato popular porque está en cuestión todo un partido político polo seu financiamento ilegal. O PP é agora mesmo unha formación en estado de putrefacción que non pode gobernar. Rajoy está desacreditado".

O portavoz nacional do BNG afirmou que "o alcance que está a ter a corrupción do PP é de tanta envergadura, a súa trama financeira é dunhas dimensións tan mastodónticas que até están involucrados os máximos representantes como o Presidente do Goberno español. A corrupción do PP non é algo accidental, é estructural e responde a un esquema de poder para privilexiar a unhas élites do estado, especialmente as da capital do Estado, ao mesmo tempo que beneficia ao Partido Popular e persoalmente aos seus dirixentes".

A única vía, subliñou, debe ser a de que "a cidadanía se pronuncie. É preciso rexenerar a vida política canto antes".

Neste sentido, tamén aludiu á Feijoó porque "o que coñecemos sobre o financiamento do PP galego sendo xa responsábel o actual presidente da Xunta,  o sitúa na mesma liña. Se se demostra que Feijoó estivo involucrado no financiamento ilegal do seu partido na Galiza,  debería seguer o mesmo camiño de Rajoy. Demitir e convocar eleccións".

Vence sinala que "é inadmisíbel o engano e as mintiras constantes do PP en relación ao denominado caso Bárcenas de financiamento ilegal. A cidadanía non pode estar gobernada por uns dirixentes e unha formación política en total estado de corrupción".