Falla de transparencia e premura na tramitacións dos orzamentos: cómpre habilitar xaneiro
Francisco Jorquera solicitou na Xunta de portavoces non sancionar aos afectados polas preferentes que na última sesión plenaria elevaron dende a Tribuna do público as súas protestas
O Portavoz do Grupo parlamentar do BNG, Francisco Jorquera volveu censurar a falla de transparencia e premura na tramitación dos orzamentos presentados hoxe no Parlamento galego.
Asemade, o portavoz nacionalista presentou dúas solicitudes na Xunta de portavoces destinadas a non sancionar aos afectados polas preferentes que na última sesión plenaria elevaron dende a Tribuna do público as súas protestas e habilitar o mes de xaneiro ao fin de normalizar en sesións plenarias e comisións a actividade parlamentaria.
A Xunta volve facer trampa coas previsións para 2013
Na súa intervención en rolda de prensa, trala Xunta de portavoces, Jorquera afirmou que o pronóstico dos orzamentos para o ano 2013 confirma unha caída do 0,9% do Produto Interior Bruto e elevará a taxa de desemprego ate o 21% e alertou do acontecido coas previsións dos anteriores orzamentos que despois de pechar o exercicio do ano 2012 anunciaban unha taxa de paro do 16% que chegou ao 20% e un incremento do PIB do 1,1% que en realidade decreceu o 1,1%, polo tanto, ao seu xuízo, A xunta de Galiza volve facer trampa.
Os novos orzamentos inciden nos recortes
Para o portavoz do BNG as grandes liñas mestras dos orzamentos inciden en máis recortes e abocan a Galiza ao suicidio económico. Jorquera explicou que o novo recorte no investimento público, a respecto do anterior exercicio, presenta dúas medidas estrela que ao seu entender, son cortinas de fume: por unha banda, dixo, representan unha nova rebaixa nos salarios dos empregados públicos que se pretende camuflar a través do acceso a un anticipo no mes de xaneiro de ate un 50% da paga extra do verán, un dereito co que xa contaban os empregados públicos, e sobre a outra medida referida ao incremento do RISGA lembrou que a Xunta de Galiza está obrigada por lei e obedece ao incremento notable da pobreza e altos índices de exclusión social, froito das políticas fiscais da Xunta de Galiza nas que lamentablemente volve a incidir.
Jorquera afirmou que Feijoo pretende substituír a realidade pola propaganda coa creación dun gran fondo de crecemento económico que o único que representa é poñer un rótulo propagandístico ás partidas de gasto, partidas de investimento da Xunta de Galiza que sofren unha redución do 7,8% a respecto do ano 2012.
Ausencia de medidas para reactivar a economía galega
Por outra banda, o portavoz nacionalista incidiu na faia de medidas para a reactivación da economía galega e o mantemento dos servizos públicos, son uns orzamentos nos que o Partido popular renuncia a unha política fiscal xusta e equitativa e que impide elevar a contribución fiscal dos sectores máis favorecidos.
O Sr. Feijoo apela a que os galegos e galegas non podemos vivir por riba das nosas posibilidades pero coas súas políticas, dixo, resulta evidente que as posibilidades da inmensa maioría cada vez se ven máis limitadas.
Jorquera concluíu afirmando que a Xunta de Galiza elixiu o día de hoxe, (día dos Santos inocentes), para presentar os orzamentos na Cámara galega porque hai que ser moi inocente para pensar que con estas contas podemos saír da crise.