"Para facerlles frente: gobernemos nós a nosa terra!" Lema da campaña do BNG

A secretaria de Organización e Directora de Campaña do BNG, Montse Prado, presentou esta mañá en rolda de prensa a Convención Eleitoral que se celebrará este domingo en Santiago de Compostela para festexar os 30 anos da organización e tamén o lema de campaña do BNG.

A convención celebrarase ás 12:00 horas no Pazo de Congresos de Santiago, e servirá tamén como pistoletazo de saída para a campaña eleitoral do BNG, que terá como lema “Para facerlles frente: Gobernemos nós a nosa terra”.

Na comparecencia de prensa, Montse Prado informou de que “a Convención terá unha parte lúdica e festiva e outra para a presentación de propostas e do equipo do BNG, conformado por 95 candidatos e candidatas, para as eleccións galegas do 21 de outubro”.

En canto ao lema, a secretaria de Organización explicou que “expresa que o BNG plántalle cara os que non se presentan ás eleccións, aos que toman as decisións na sombra, para facerlles fronte aos gobernos que fan o que lle mandan os poderosos, ao que eliminan dereitos sociais e laborais e aos que queren que Galiza non decida”.

Tamén subliñou que “é preciso que gobernemos nós a nosa terra porque é preciso soberanía”.

“Feijóo agocha as siglas do PP, o BNG non”

Montse Prado tamén salientou que “presentamos tamén un candidato, Francisco Jorquera, con naturalidade, resolutivo e auténtico, que dialoga coa cidadanía”.

Ademais, incidiu en que “poñemos o logo do BNG en primeiro termo, non agochamos as siglas como fai Núñez Feijóo coas siglas do Partido Popular”

Detención dun concelleiro do BNG en Ourense: o BNG actuará con coherencia, non como fai o PP

A preguntas dos xornalistas sobre a detención dun concelleiro do BNG de Ourense no marco da operación Pokémon, Montse Prado afirmou que “o BNG practica o que defende na teoría, e non lle esiximos aos demais o que non facemos nós”.

Neste sentido, asegurou que “en primeiro lugar, debemos respectar a presunción de inocencia, e se se produce unha imputación non temos dúbida que o compañeiro asumirá responsabilidades políticas de motu propio, non fará falta esixirllo”.

Contrapúxoo “ao que fai o PP en Boqueixón, cunha dimisión fraude, unha burla autorizada por Feijóo, onde o alcalde dimite pero segue de concelleiro”.

Sobre o fondo do proceso, Montse Prado afirmou que “o BNG non ten dúbida de que a xustiza ten que actuar e facer o seu traballo, pero sobre a forma mostramos moitas dúbidas”. “Se hai sospeitas sobre unha persoa, deben aclararse canto antes, pero nada parecido a isto neste proceso, no que estas detencións con incomunicación son desproporcionadas e non respectan os dereitos das persoas”.

 

http://youtu.be/N68UlS3qTgI