"O Estado español si está intervido, a troika toma as decisións, Rajoy asúmeas e Feijóo aplaude"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, avaliou este martes en Poio as condicións do rescate que a UE impón ao Estado español (suba do IVE, supresión dunha paga aos funcionarios, liquidación dos concellos de menos de 5.000 habitantes, perda de parte dos aforros dos afectados polas preferentes...).
Todas estas medidas veñen probar que, como leva dicendo o BNG hai semanas, "o Estado español si está intervido", afirmou Guillerme. "A troika formada polo Banco Central Europeu, a Comisión e o FMI toma as decisións Rajoy asúmeas e Feijóo limítase a dar palmas", destacou o portavoz nacional durante a súa intervención no acto público que o BNG realizou en Poio dentro da súa campaña pola Día Da Patria Galega Rescata os Teus Dereitos, En Bloque Podemos!
O Recortazo que se anuncia agravará a Recesión. Son medidas que se practicaron en Grecia, Portugal e Irlanda e xa se viron que fracasaron
"O PP continúa cunha política que beneficia exclusivamente os bancos privados, unha política de saqueo permanente do pobo", denuncia Guillerme.
"Todas as medidas que anuncia o Goberno Rajoy xa foron practicadas en Grecia, Portugal e Irlanda e non deron ningún resultado. Ao contrario, agravaron a crise e fixérona aínda máis penosa para os sectores da poboación máis indefensos", reprobou o líder nacionalista.
Guillerme criticou que as medidas non só son antisociais, senón que tamén apuntan na dirección de ir socavando o autogoberno de Galiza. "O desmantelamento que se anuncia dos concellos de menos de 5.000 habitantes levará aparellado a potenciación das deputacións provinciais, xusto as entidades que habería que suprimir", critica o portavoz nacional.
Feijóo compórtase como un pión máis da política do PP dirixida a liquidar as competencias das comunidades autónomas
Os recortes do Goberno Rajoy irán en detrimento do autogoberno de Galiza. "E ir en detrimento do autogoberno de Galiza significa reducir en sanidade e reducir en educación", cuestiona Guillerme, para quen resulta inconcebíbel que ante esta "ofensiva centralista" Feijóo "non é que olle cara outro lado, é que aplaude coas orellas".
"Feijóo non se comporta como un presidente con autonomía, compórtase como un pión máis da política do PP dirixida a liquidar as competencias das comunidades autónomas", conclúe Guillerme.
Afectadas e afectados polas preferentes
Entre as condicións impostas por Bruxelas ao Estado español destaca a quita aos aforradores e ás aforradoras afectados pola estafa das preferentes. "É indignante que a UE se tome o traballo de concretar tanto como para danar a un colectivo que en Galiza se achega ás 100 mil persoas. Como é posíbel que se rescate a Bankia ou a NGB e non aos afectados por esta monumental estafa?", pergúntase o portavoz nacional.