Día da Patria: Unidos somos máis fortes para defender a nación galega
O BNG participou na manifestación unitaria de celebración do Día da Patria que congregou a 25.000 galegos e galegas na Praza da Quintana baixo o lema A nación galega, onde a plataforma social convocante deu lectura ao manifesto Pola Unidade, tras o habitual percorrido polas rúas de Santiago
Galiza da hoxe unha expresión de unidade, de vontade de construír unha maioría social e política, unha maioría que quere facer que Galiza teña voz forte nos foros internacionais, nos foros do Estado, expresou o portavoz nacional, Xavier Vence, no arranque da marcha.
É un día de gran alegría cunha manifestación unitaria de todos e todas as que queremos que Galiza teña futuro, que a xente nova teña futuro na terra, dos que aspiramos que Galiza teña ferramentas propias para gobernarse por si propia e para que podamos ter a dignidade como pobo á que moitos e moitas nacionalistas aspiramos dende hai décadas, resaltou.
O BNG está convencido de que a cidadanía galega quere un goberno que non se adique a dilapidar as conquistas nin a laminar o autogoberno, senón que defenda os intereses deste país, a súa xente, a súa economía produtiva, que defenda un futuro para as novas xeracións, que defenda a sanidade e ensino públicos e que defenda o noso idioma e cultura, alegou Vence.
Unha parte desa cidadanía abarrotou a praza da Quintana nunha expresión de vontade de que unidos teremos forza para mudar as cousas e facer valer os intereses da nación galega no Estado e en Europa, subliñou Vence, quen expresou a satisfacción do Bloque poder participar nun acto político de todo o nacionalismo unido, de todos e todas as que confían en Galiza, que teñen a esperanza e a ilusión de construír unha Galiza recoñecida no mundo, unha Galiza soberana.
O acto de celebración unitario é tamén un paso adiante importante para que as forzas políticas galegas se unan na defensa dos intereses nacionais de Galiza, para que moita cidadanía se una arredor destas forzas políticas que queremos un autogoberno potente e pleno, que queremos camiñar cara a soberanía, subliñou Vence.
Creemos que é un chanzo para unir, para xuntar a moita cidadanía e ás formacións políticas que queren xuntar as súas forzas para que Galiza teña unha voz propia potente en todos os foros e, particularmente, no Congreso, afondou o portavoz nacional do Bloque.
Confianza no país
Vence fixo fincapé no simbolismo da celebración unitaria do Día da Patria. É moi importante que todos e todas as que creemos en Galiza como nación esteamos xuntos compartindo un gran acto político unidos, porque somos os que confiamos nas forzas e nas potencialidades da nosa nación.
Para o Bloque, a manifestación unitaria deste Día da Patria é un acto de afirmación de que Galiza é unha nación que quere contar coas ferramentas para darse un futuro, especialmente aos que sofren a lacra da emigración. Un futuro construído coas nosas propias mans, e non sometidos á destrución do noso por decisións que se toman fora do país, coa complicidade do goberno da Xunta, denunciou.
Temos que mudar isto e a manifestación é unha vontade de unidade para contribuír a mudar as cousas e para dar a valer a Galiza no mundo, concluíu.
Texto manifesto: http://polaunidade.blogspot.com.es/2015/07/manifesto-pola-unidade.html, lido na Quintana por Alba Cuba, Valentín García Bóveda, Patricia de Lorenzo e Federico Pérez Rei, e con Xurxo Souto como conductor do acto.