#debategz: Jorquera defende o autogoberno e a xustiza social fronte ao delegado de Rajoy en GZ

O BNG ten programa de goberno e ten proxecto de país: o aprofundamento do autogoberno para conquistar a xustiza social e para saír da crise con crecimento económico e emprego. En contraste, o PP nin cre en Galiza nin sabe que facer con ela. Esa foi a idea central que defendeu o candidato do BNG á presidencia da Xunta de Galiza, Francisco Jorquera, durante o segundo e derradeiro #debategz, o que o enfrentou ao candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Jorquera, que levou a iniciativa do debate en todo momento, presentou Feijóo como o delegado de Rajoy en Galiza. "Vostede, señor Feijóo, non acredita no autogoberno. Vostede utilizou a presidencia da Xunta para facer oposición a Zapatero e, desde que Rajoy é presidente, vostede é o delegado do Goberno do Estado en Galiza", espetoulle.

Feijóo non soubo respostar os ataques dun Jorquera que o atacou por non defender as súas competencias como presidente

Non houbo resposta nin a este reproche nen ao rosario de obxeccións que Jorquera formulou a un presidente da Xunta que se inhibiu en múltiples ocasións de defender as competencias do Goberno galego ante leis invasivas por parte do Goberno do Estado, desde a lei de caixas até a liberalización de horarios comerciais.

Emprego e sistema financeiro

Jorquera conseguiu demostrar que Feijóo non ten plan B ante a crise, máis alá dos recortes antisociais. Jorquera denunciou que baixo o goberno Feijóo Galiza comezou a diverxer do resto do Estado en crecimento do PIB e do paro.

Feijóo acusou os golpes dialécticos do candiadato nacionalista e opuxo unha débil réplica: a de submeter a crítica o goberno que durante o período 2005-2009 formaron BNG e PSOE.

De resultar eleito, prometo ser un presidente humilde e cercano á xente

"Non estamos aquí para xulgar o pasado. Se quere, podemos xulgar o Goberno de Fraga Iribarne do que vosté fixo parte. Pero iso non procede agora. O que procede é avaliar a súa xestión de tres anos ao frente do Goberno galego", enfatizou Jorquera.

Feijóo contraatacou co trillado argumento da marcha de militantes do BNG. O retruque de Jorquera foi contundente: "Vostede, se lle fixer falta, pactará con Mario Conde. Por moito que agora o negue. Tamén os seus compañeiros de Asturias negaban que fosen pactar durante a campaña, pero despois tentaron á desesperada fechar acordos con UPyD e con Álvarez Cascos".

Na quenda final do debate, Jorquera chamou a concentrar todos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG, única garantía de derrota do PP e prometeu ser, de resultar eleito, un presidente humilde e cercano á xente.

Boas noites ou, se o prefire, good night

As últimas palabras de Jorquera foron para desexarlle boas noites aos galegos e ás galegas, incluído ao candidato do PP.

"No persoal, deséxolle boa sorte. Boas noites, señor Feijóo, ou, se o prefire, good night", dixo en ton irónico como clara alusión ás prioridades que marcan a política lingüística desenvolvida polo PP ao frente da Xunta.