Davila: "Son os Orzamentos do empobrecemento social e dos incumprimentos con Galiza"
Davila fixo unha primeira avaliación de urxencia en relación ás partidas destinadas ao territorio galego e puxo de manifesto que o pior de todo é que non se cumpren como vemos ano tras ano. Nese sentido, denunciou o baixo grao de execución dos Orzamentos enfatizando que unha cousa é o que se pón sobre o papel e outra moi distinta ver os graos de execución das partidas a final de ano.
Partidas incumpridas
Así, aclarou que Adif vai gastar este ano no AVE e no Eixo Atlántico un 25% menos do previsto. Un exercicio que recomendou analisar coas partidas doutros anos, salientando que o grao de execución nas partidas ferroviarias non supera o 30%. E se imos ao capítulo viario, máis do mesmo. Así, puxo como exemplo a A-57 e a A-59 que teñen partidas orzamentadas en 2013 e en 2014 pero aínda estamos agardando a que se execute un só euro.
Ilustrou as súas declaracións cuns dados: segundo a previsión de investimento para 2014 do sector público empresarial en Galiza, inicialmente de 1.127 millóns de euros, só está previsto investir o 74 por 100 (834 millóns de euros), tal e como se pode comprobar no proxecto de orzamentos.
Davila afirmou que se trata de Orzamentos ficticios. O papel todo o aguanta, sobre todo en época eleitoral. Tildou as cifras proxectadas de propagandísticas e de slogan publicitario que non se corresponde coa realidade dos graos de execución. .
Galiza perde peso no conxunto do estado
Nesta primeira e rápida avaliación dos Orzamentos para o 2015 que se destinan a Galiza, Davila explicou que a sumatoria do programado para Galiza nos da unha cifra de 1.379 millóns, un aumento de só un 2,5% aproximadamente en relación ao ano pasado. Hai que ten en conta, recalcou, que Galiza perde peso no conxunto do estado ao pasar do 13,8 ao 12,4, e falou dun orzamento estancado practicamente.
A portavoz do BNG anunciou que o BNG mirará con lupa as partidas proxectadas para Galiza, presentando emendas co obxecto de mellorar as partidas, facer uns orzamentos máis equilibrados e xustos, e poder chegar a aqueles sectores e eidos que son esquecidos polo Goberno central ano tras ano.
Máis empobrecemento social e perda de dereitos sociais
Avanzou asemade que o BNG presentará unha emenda á totalidade ao proxecto de Orzamentos do Estado para 2015 porque seguen a ser uns Orzamentos anti sociais, destinados a cubrir a débeda pero non a satisfacer as necesidades dos cidadáns. Nesa liña, lembrou a conxelacións salarial dos empregados públicos e a práctica conxelacións das pensións, un binomio incompatíbel para poder reactivar a economía e tirar do consumo. Con salarios baixos e perda de poder adquisitivo é imposíbel consumir. A recuperación é unha falacia eleitoral, a previsión de paro segue a ser disparatada nun contexto de salarios á baixa e empobrecemento social.
Ademáis, puxo de manifesto que segundo as previsións de Montoro, prevén unha recadación de impostos do 6%, mentras só adican un 0,4% a gasto social e a porcentaxe adicada a educación e sanidade é só do 2,28%. Dados que corroboran que o Goberno segue aprobando orzamentos anti sociais.